RENOVACIÓN DO CONVENIO COA SECRETARÍA XERAL

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/76096/xunta-apoya-las-mujeres-rurales-lucha-contra-violencia-genero-promocion-igualdad?langId=gl_ES&fbclid=IwAR2eZTH-Lx4-OXYm642JmX8OeR6EaJnxtHf2dqWFY11Pp3NH1LipFJb-Duo

A Xunta apoia ás mulleres rurais na loita contra a violencia de xénero e na promoción da igualdade co financiamento de plans de formación e sensibilización

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de renovar os convenios de colaboración que mantén coas federacións Fademur, Femuro e Femupo.

 

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2023 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de renovar os convenios de colaboración que mantén coas federacións de mulleres rurais de Galicia para financiar os programas e actuacións encamiñados á loita contra a violencia de xénero e á promoción da igualdade. En total, a Xunta inviste 60.000 euros en apoio á Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), á Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) e á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro).

As accións teñen o dobre obxectivo de sensibilizar a mulleres rurais no eido da violencia de xénero e o traballo directo coas vítimas e os seus fillos e fillas mediante a realización de programas para a mellora da súa autoestima e empoderamento.

Fademur, a través do convenio, leva a cabo accións formativas dirixidas a mulleres do rural, cursos de formación para mulleres pertencentes ás xuntas directivas das entidades asociadas a súa federación e traballos con dinámica de grupo e/ou actividades conxuntas abertas ao público en xeral sobre temáticas que contribúan á facer visibles as violencias contra as mulleres.

Pola súa banda, Femupo desenvolve co apoio autonómico o proxecto Mulleres en Construción 3.0 que se centra en analizar e atopar solucións para rematar coa violencia de xénero en todos os ámbitos da provincia de Pontevedra a través de accións de visibilización, formación e sensibilización, así como actividades de empoderamento feminino.

Por último, a Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) comprométese a través do convenio a desenvolver accións de sensibilización e prevención da violencia de xénero, así como a realizar os programas previstos coas vítimas da violencia de xénero do ámbito rural da provincia de Ourense, sempre en colaboración e coordinación cos servizos públicos (servizos sociais e centros de información ás mulleres), correspondentes en cada caso.