2020

Con motivo do Día Internacional da Muller, este ano levamos a cabo unha serie de actividades ao longo da semana do 8 de Marzo, nas que traballamos co alumnado de Educación Infantil do CEIP Amaro Refojo (Verín) e do CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia) , co alumnado de Educación Secundaria do IES Castro de Baroncelli e co CIFP Portovello con alumnado de Ciclos de Formación Profesional.

                En Educación Infantil baseamos a actividade en contacontos, elixindo para tal fin “Os Bolechas pola Igualdade”, que se centra na corresponsabilidade nas tarefas do fogar, na eliminación de estereotipos nas cores e na resolución pacífica de conflitos, entre outros aspectos. Todo elo co obxectivo de romper a fenda de xénero dende as idades temperás de maneira que se reforza a educación en igualdade e se contribúe a cambiar a sociedade na que vivimos.

O procedemento da actividade consistiu en contarlle ás nenas e nenos a citada historia, ademais de explicarlle de forma adaptada á súa idade en que consiste o 8 de Marzo. Posteriormente realizamos unha manualidade á que denominamos “Chapapín”, que consistiu en entregar a cada alumno/a unha plantilla en forma de 8M que tiñan que decorar con adhesivos ou coloreando, para finalmente convertela nun broche que puideron colocar onde máis lle gustase.

Para finalizar a sesión pintamos diferentes debuxos relacionados co conto nos que se plasmaba aos Bolechas realizando diferentes tarefas do fogar.

Nas seguintes fotos podemos ver o desenvolvemento da sesión tanto no centro escolar de Verín como no de Xinzo:

En relación ao IES Castro de Baroncelli, a actividade centrouse en charlas que se levaron a cabo en sesións de 1 hora e 40 minutos nas que profundizamos na situación xeral das mulleres ao redor do mundo, en termos como “feminismo” e “machismo” e na existencia de desigualdades en distintos ámbitos, entre outros aspectos. Aos contidos xerais mencionados decidimos engadir outros máis específicos adaptados a cada curso, que foron os seguintes temas:

  • 1º ESO A e B: Que vemos, que escoitamos (análise de vídeo-clips, cancións, publicidade e as mensaxes que nos transmiten).
  • 3 ESO A + PMAR: Autoestima e asertividade (traballo destas calidades como base para vivir unha vide libre de prexuízos e desigualdades).
  • 4 ESO A: Pornografía e prostitución (reflexión sobre o porqué da súa existencia, quen son as vítimas, datos de consumo e como inflúen na existencia de desigualdade)

Ao anterior debemos engadir a colaboración do alumnado de 6º de Primaria do CEIP Amaro Refojo (Verín) nunha performance que levamos a cabo o propio 8 de Marzo no acto institucional que tivo lugar na praza do Concello de Verín.

Con dita actividade quixemos visibilizar e dar voz a diferentes mulleres cuxas apartacións en distintos eidos foron fundamentais ao longo da historia, tales como María Pita, Rosalía de Castro, Nina Simone ou Billie Holiday, entre outras.

A performance consistiu na lectura de unha pequena introdución seguida da exposición dos nomes das mulleres e do ámbito no que destacaron, as cales aparecían nomeadas en varios carteis que as alumnas e alumnos expuxeron de cara ao público.

No CIFP Portovello participamos no “Faladoiro pola Igualdade” organizado polo propio centro, no que xunto con outras profesionais de asociacións e entidades feministas, fomos entrevistadas sobre temas relacionados coa igualdade de oportunidades fronte a un público moi novo e moi interesado no tema.

 

OUTRAS ACTIVIDADES EN CENTROS EDUCATIVOS:

Porque a Igualdade non pode ser cousa de traballar nunha soa data concreta, facemos sensibilización e actividades durante todo o curso escolar, e non únicamente cos nenos e cas nenas, que son o futuro, senón tamén con toda a comunidade educativa, xa que esta é a encargada de transmitir ensinanzas, pensamentos, crenzas, valores… que perdurarán ata a vida adulta do alumnado.

Así, neste 2020 fixemos xornadas en escolas de familias (CEIP Vilardebarrio) nas que amosamos ás familias técnicas para educar en igualdade e formamos a profesorado (CEIP Carlos Casares-Xinzo de Limia) en técnicas para aplicar a coeducación nas aulas.

 

Continuamos ademais viaxando coa nosa exposición “Mulleres con historia” alá onde a requiriron. Dita exposición, consta de 23 fotografías que pretenden visibilizar a mulleres importantes na historia e que non sempre foron recoñecidas como deberían. Nesta mostra, mulleres anónimas as imitan, posando e vestindo coma elas.

Cando levamos esta exposición, está durante un tempo no centro e leva aparelladas unhas actividades adaptadas ao público ao que se dirixe. Este ano a exposición foi aos seguintes centros educativos: Colexio Apostólico Mercedario (Verín), I.E.S. Castro de Baronceli (Verín) e C.E.I.P. Carlos Casares (Xinzo).