Programas Sociais – Da man – 2019
Dende o 2018, Femuro ten en vigor un Convenio de Colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Secretaría Xeral da Igualdade) para o desenvolvemento de accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e apoio ás súas vítimas.
A través deste Convenio levamos a cabo o programa “Da man” que consiste nunha serie de actividades co obxecto de sensibilizar e facer fronte á problemática da violencia de xénero: actividades formativas, colaborativas, de apoio ás vítimas, de sensibilización…
A continuación describimos as actuacións levadas a cabo no 2019:
- XVII FORO DA IGUALDADE
O FORO DA IGUALDADE ten como obxectivo fundamental visibilizar e reforzar o traballo que veñen realizando as entidades a favor da igualdade e en contra da violencia de xénero así como impulsar iniciativas que favorezan a igualdade real entre mulleres e homes.
Este ano o Foro levouse a cabo baixo a temática: “Re-Coñecendo Violencias Machistas no Rural“.
Creouse un espazo de convivencia no que durante tres días as mulleres das diferentes asociacións foron partícipes dunha aprendizaxe sobre a prevención e recoñecemento de actitudes e condutas machistas mesturado con actividades de lecer.
Durante a fin de semana, tiveron lugar diversos obradoiros nos que as mulleres puideron elixir no que participar:
–Obradoiro de Danza libre e expresión corporal, a cargo de Iria Cacheiro Paradelo. Educadora social, especializada en emocións e danza
-Obradoiro de Autodefensa a cargo de Rebeca Porcar, profesora de artes marciais.
–Obradoiro Xogando a Re-coñecernos impartido por Rebeca André, Psicóloga.
Levouse a cabo o do 26 ao 28 de abril e participaron un total de 119 mulleres socias das diferentes asociacións de mulleres rurais adheridas a FEMURO.
Ademais dos obradoiros tivo lugar unha Charla común para todas as participantes: “Violencia de xénero no ámbito sanitario”impartida por Lola Ferreiro Díaz, profesional médica.
- MULLERES QUE CONTAN
Mulleres que contan é unha actividade na que se traballan habilidades sociais básicas tales como a autoestima, o empoderamento, o autocontrol, a confianza, a asertividade… e tamén relaxación e canalización das emocións, a través da lectura de contos. As mulleres que acoden a esta actividade sofren ou sufriron Violencia de Xénero e atopan aquí un grupo “informal” no que falar, expresar, escoitar e sobre todo sentirse acompañadas. O grupo é moi reducido para crear un clima de total confianza. Nestes momentos participan 5 mulleres.
- XORNADA DE RESPIRO FAMILIAR PARA MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO
No mes de setembro FEMURO organizou unha Xornada de Respiro Familiar para mulleres superviventes de violencia de xénero e para os seus fillos e fillas.
Este día foi pensado para que estas familias tivesen un espazo de lecer e desconexión fóra da súa rutina e entorno habitual pero tamén, para que fose un tempo no que se puidese conxugar a parte lúdica e distendida, co traballo de aspectos tan importantes como o empoderamento, a autoestima, o autocoñecemento, etc.
Nesta ocasión, fomos a unha praia de Pontevedra, onde as mulleres puideron practicar técnicas de autodefensa e reforzo positivo, mentres os nenos e nenas que non quixeran participar na actividade, podían xogar supervisados por outra profesional.
Despois compartimos unha comida e rematamos o día con tempo libre na praia.
Participaron un total de 7 familias.
Foi unha fin de semana chea de sorrisos e positivismo, na que todas quixemos camiñar “da man”: apoiándonos, levantándonos e acompañándonos en sororidade.
- CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN POLO 25N. “LOITA. ESTAMOS EN PÉ”.
O lema escollido para as actividades de FEMURO coas asociacións de mulleres e coa infancia nos programas propios e nas actividades de sensibilización foi o seguinte:
“Loita: estamos en pé…”
- Coas asociacións federadas:
A nosa liña de traballo coas asociacións de mulleres rurais en relación á sensibilización sobre o 25 de Novembro segue sendo a de anos anteriores e presenta un gran nivel de participación e implicación por parte das asociacións. En cada asociación traballouse o lema de forma diferente, asignando a cada unha un lema cas diferentes reivindicacións para este día e todos os do ano e, co resultado de dito traballo elaboramos un vídeo que difundimos a través das nosas redes sociais o 25 N.
- Nos cursos e proxectos que femuro leva a cabo durante o ano: E.S.A. e Reforzo e moito máis
Xunto coas nosas asociacións, tamén incluímos na Campaña ao alumnado dos cursos que tiñamos activos durante o 25 de novembro: a E.S.A. de 1º e 3º en Verín e o Curso Preparatorio para a Proba Libre da E.S.A. en Celanova.
Por outro lado, tamén nos xurdiu a posibilidade de realizar actividades relacionadas coa conmemoración do 25 N cos nenos e nenas do programa Reforzo e Moito Máis, programa que temos activo durante todo o ano.
Durante esta xornada reflexionamos sobre os roles de xénero e as profesións mediante a lectura do conto “As nenas poden con todo”. Ademais, tamén realizamos un bonito mural con mulleres relevantes actuais e ao longo da historia, xunto cos nosos retratos, xa que todas podemos facer grandes cousas.
- SENSIBILIZACIÓN EN CENTROS EDUCATIVOS:
Non podemos esquecer que a educación dende a infancia é a mellor menciña contra a violencia de xénero, e ese é o noso obxectivo primordial.
Este ano, a nosa campaña de sensibilización en favor da igualdade e en contra da violencia de xénero nos centros educativos levouse a cabo no CEIP Princesa de España (Verín), CEIP Amaro Refojo (Verín), IES Xesús Taboada Chivite (Verín), Colexio Apostólico Mercedario (Verín) e no CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia).
Nos centros de primaria traballamos con 1º e 2º de primaria o conto “Mercedes quere ser bombeira” onde aprendemos que as profesións non teñen xénero e que todas e todos podemos ser o que queiramos ser.
Con 3º e 4º reflexionamos co conto “Dúas pingas de auga” sobre os roles e estereotipos asociados a cada un dos xéneros e o que iso implica na nosa vida diaria.
E con 5º e 6º e a historia “Cinco veces”, comprendemos como actuar fronte un acoso sexual e as súas consecuencias.
Por outra banda, nos institutos de secundaria realizamos unha serie de ponencias sobre a violencia de xénero en todas as súas manifestacións, os mecanismos que temos para combatela e a igualdade de oportunidades.