Programas Sociais – Da man – 2020

 

Dende o 2018, Femuro ten en vigor un Convenio de Colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Secretaría Xeral da Igualdade) para o desenvolvemento de accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e apoio ás súas vítimas. 

A través deste Convenio levamos a cabo o programa “Da man” que consiste nunha serie de actividades co obxecto de sensibilizar e facer fronte á problemática da violencia de xénero: actividades formativas, colaborativas, de apoio ás vítimas, de sensibilización…

As actividades previstas para o 2020 son as seguintes:

 

  • MULLERES QUE CONTAN

Mulleres que contan é unha actividade na que se traballan habilidades sociais básicas tales como a autoestima, o empoderamento, o autocontrol, a confianza, a asertividade… e tamén relaxación e canalización das emocións,  a través da lectura de contos.  As mulleres que acoden a esta actividade sofren ou sufriron Violencia de Xénero e atopan aquí un grupo “informal”  no que falar, expresar, escoitar e sobre todo sentirse acompañadas.  O grupo é moi reducido para crear un clima de total confianza. Nestes momentos participan 5 mulleres.

Esta actividade estase a desenvolver de forma ininterrumpida dende o ano 2019.

 

 

  • XORNADA DE RESPIRO FAMILIAR PARA FAMILIAS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Por terceiro ano consecutivo queremos levar a cabo a Xornada de Respiro Familiar para mulleres superviventes de violencia de xénero e para os seus fillos e fillas.  Nesta ocasión será no balneario de Arnoia, a fin de semana do 29 e 30 de Agosto.

O obxectivo principal destas xornadas e ofrecer un espazo de lecer e desconexión fóra da súa rutina e entorno habitual  e ao mesmo tempo conxugar a parte lúdica e distendida, co traballo de aspectos tan importantes como o empoderamento, a autoestima, o autocoñecemento, etc.

  • CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN POLO 25N . EN CENTROS EDUCATIVOS, COA POBOACIÓN DE VERÍN E COAS ASOCIACIÓNS DE MULLERES RURAIS DA PROVINCIA DE OURENSE
  • coas asociacións federadas

Como xa é habitual, animaremos ás nosas asociacións a participar na campaña do 25N a través de vídeos, este ano musicais, e participar nun concurso que organizaremos dando un premio á asociación que mande o mellor vídeo, e publicandoos nas nosas redes socais.

  • nos cursos e proxectos que femuro leva a cabo durante o ano: e.s.a. e reforzo e moito máis

Nos cursos que se leven a cabo nas nosas instalacións tamén instaremos ao alumnado a participar na campaña de xeito transversal.

  • SENSIBILIZACIÓN EN CENTROS EDUCATIVOS

Este ano, debido a situación da COVID19 e o protocolo que se implantará nos centros educativos, así como o descoñecemento de como será realmente a situación nas escolas,  realizaremos uha serie de unidades didácticas e proporemos aos centros educativos de primaria e infantil que se leven a cabo de xeito voluntario. Dita proposta terá dúas variables: unha proposta a nivel presencial e outra a distancia.

Nos institutos convocaremos un concurso de carteis para o 25N. O cartel gañador recibirá un agasallo e será o representado en toda a nosa campaña (carteis, merchandising, publicidade nas redes…)