Comunidade Educativa – OBRADOIROS EN ED. PRIMARIA
Debido a actual falta de fondos económicos para facer estas actividades, realizámolas de xeito moi puntual e valorando se temos persoal, dispoñibilidade e recursos para facelas.
Non obstante, dende Femuro seguimos tendo o firme convencimento de que a educación é a base para acabar coas violencias existentes, e por este motivo intentamos, na medida do posible continuar con algunhas delas.
Para poder realizar estas ou outras actividades hai que facer a reserva con antelación e recibir a confirmación de que temos dispoñibilidade de tempo e persoal para poder realizalas.
A continuación detallamos algunhas das actividades realizadas ata este momento, a modo de exemplos, pero cada ano engadimos novas, en función das nosas campañas e das necesidades detectadas.
- OBRADOIROS DE CONSENTIMENTO E LÍMITES PERSOAIS. Mediante diferentes dinámicas, como un roleplay, representación de diferentes esceas ou diferentes xogos, nos que aprenderán a respectar o espacio persoal propio e das persoas que os rodean. Diversas actividades que ensinarán as nenas e nenos: as claves do consentimento, o seu significado, a saber dicir e respectar un non, establecer límites sobre o seu corpo e respectar os límites que establecen os demais.
- OBRADOIROS DE CORRESPONSABILIDADE. A través de xogos de role-playing no espazo exterior (recreo): montamos un mundo imaxinario no que as nenas e os nenos xogan a ser persoas adultas, coas responsabilidades que estas teñen. Así terán que ir traballar todos os días e ademáis facer as cousas de casa, ir ao súper, ocuparse dos fillos e das fillas,… e só algunhas persoas terán a sorte de poder descansar. Un xogo no que nenas e nenos comprenden o valor de compartir as tarefas do fogar e os descansos, facendo reflexionar sobre a xustiza e a inxustiza.
- CONTACONTOS DE HISTORIAS DE MULLERES REAIS. Os contos e as historias que nós contamos teñen unha característica moi especial: todo o que contamos pasou en realidade e as persoas que aparecen na historia, tamén son reais. E baixo esa premisa, contamos vidas moi interesantes sobre mulleres que conseguiron grandes cousas das que nos beneficiamos toda a humanidade. Algunhas delas son: Ada Lovelace, Malala Yousafzai, Jane Goodall, Marie Curie, Frida Kalho, Maruja Mallo, Mary Shelley, Wangari, Valentina Tereshkova, Amelia Earhart, Hedy Lamarr, Yusra Mardini…
- EXPOSICIÓN DE MULLERES CON HISTORIA. Esta actividade pode ir ligada á anterior. Temos unha exposición itinerante (APARTADO CAMPAÑAS/MULLERES CON HISTORIA) que se pode solicitar para ter no centro (durante un tempo mínimo de 2 semanas). Unha vez que o alumnado xa a visitou, facemos a actividade dos contos e historias das mulleres reais, explicando as historias dalgunhas das mulleres que saen na exposición. Ademáis, explicámoslle acerca da exposición, o porqué a fixemos, mostramos o “making of”, etc.
- CONCURSO “LA VOZ DE LA IGUALDAD”. Xogo por equipos con formato de concurso musical. Terán que responder preguntas de cultura xeral relacionadas co feminismo, e superar unha serie de probas relacionadas coa música. Actividade moi dinámica e divertida que pretende que nenas e nenos reflexionen sobre os contidos das letras das cancións de moda e que aprendan a identificar as cancións con linguaxe e mensaxes sexistas.
- OBRADOIROS SOBRE O USO ADECUADO DAS REDES SOCIAIS (para 6º de primaria). Dinámicas grupais nas que se analiza o papel de internet e das redes sociais nas nosas vidas, a través de tres actividades: xogo verdadeiro ou falso (para introducir o tema e coñecer diferentes datos); creación e personalización da rede social “FemApp” (para afondar na protección de datos, a difusión de imaxes, a privacidade…) e análise de situacións que poden darse a través das redes (para reflexionar e saber como actúar fronte o acoso, o sexting ou a usurpación da identidade).
- FEIRA VIOLETA. Unha actividade que pretende visibilizar a mulleres importantes nun ámbito determinado. É unha actividade que se leva a cabo durante todo (ou case todo) o curso escolar, no que facemos unha proposta de temática, cunha serie de mulleres que destacan na mesma. A partir de aí, cada clase ten que escoller a unha das mulleres e traballar durante o curso sobre ela, para acabar expondo todos os traballos realizados ao remate do curso escolar.
- A MEDIA LARANXA (actividade para 5º e 6º) Actividade para a desmitificación do amor romántico e pautas sobre o consentimento.
- OUTRAS ACTIVIDADES QUE SE NOS SUXIRAN, OCURRAN OU QUE SE ADAPTEN AOS DIFERENTES GRUPOS E/OU CIRCUNSTANCIAS.