XIV Edición

CHAVES (PORTUGAL), 1 e 2 abril 2017

 

A Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO), celebrou durante a fin de semana do 1 e 2 de abril o XIV FORO DA IGUALDADE, centrando a súa temática en “A MULLER NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN”  Tivo carácter internacional e por primeira vez levouse a cabo fora da nosa comunidade autónoma, tendo lugar en Chaves (Portugal). Este ano contamos coa axuda da Deputación Provincial de Ourense a través dunha subvención destinada a entidades sen ánimo de lucro.

Para a organización do mesmo estableceuse unha coordinación e colaboración conxunta coa Eurocidade Chaves-Verín e a Cámara Municipal de Chaves, que nos facilitou o Auditorio Municipal do Centro Cultural de Chaves onde se inaugurou o Foro e tivo lugar o acto principal do mesmo que acolleu máis de 100 mulleres procedentes de diferentes asociacións de mulleres rurais de toda a provincia de Ourense, integradas en FEMURO.

 O Foro deu comezo o sábado 1 de abril coa inauguración a cargo de Dna. Mª Isabel Garrido Blanco, presidenta de FEMURO e Dna. Paula Cabugueira, xefa de Recursos Humanos e Ación social do Municipio de Chaves

Seguidamente contouse coa presenza de Dna. Yolanda Dominguez, artista visual experta en comunicación e xénero que expuxo a ponencia “Cambiar as imáxenes para cambiar o mundo”. Para elo amosounos un percorrido pola historia das imáxenes dende a nosa infancia, pasando pola arte e pintura ata a publicidade e os mass media, desvelando cales son os mecanismo cos que actúan e como podemos usalas de maneira activa para acadar os cambios sociais que desexamos. As imáxenes desempeñan un papel fundamental na construción da nosa identidade. Nunha época onde a maior parte da comunicación basease no intercambio de imáxenes é vital entender cómo funcionan que infuencia teñen nas persoas e cómo filtrar e regular as súas mensaxes. A través da exposición da artista debatíronse conceptos como o poder e o xénero.

Para a clausura do Foro, contouse coa presenza de Dna. Susana López Abella, Secretaria Xeral da Igualdade, con Dna. Silvia Dorado, Secretaria Territorial da Delegación da Xunta e coa Deputación de Ourense a través de Dna. Teresa Cerdeira Valiñas.

Este foro, ademais da formación, trata de ser un espazo que conxuga outros aspectos, como a cultura do feminino, o intercambio de experiencias e actividades de lecer dirixidas ás mulleres. Para elo o resto da xornada do sábado as mulleres participantes puideron desfrutar dunha visita cultural pola cidade de Chaves e o domingo pola mañá Vidago.