2017
“VIAXE ALGARVE”
8, 9, 10 e 11 de Xuño de 2017
Neste ano 2017 quixemos ir máis alá e traspasamos fronteiras para achegarnos a coñecer unha das zonas máis fermosas do país veciño, o Algarve. Para elo 40 mulleres pertencentes ás Asociacións de FEMURO puxemos rumbo a unha zona coñecida polas súas fermosas praias.
O xoves día 8, saímos moi cedo para aproveitar ao máximo e poder chegar a xantar no Hotel en Praia da Rocha-Portimao.
Tras unha noite de descanso, o venres día 9 saímos a visitar Lagos, cidade fermosa polo seu casco antigo amurallado, os seus cantís e as fermosas praias no Océano Atlántico. Paseamos polo centro histórico peonil, achegándonos á Igrexa de San Antonio do século XVIII, situada fronte o Castelo dos Governadores, un castelo con torres de observación e unha fermosa fachada barroca.
Tamén visitamos Ponta Piedade, desde onde se ve o Cabo San Vicente, considerado na Idade Media a fin do mundo. Desfrutamos dun dos recunchos máis espectaculares do Algarve, e un dos máis visitados. A erosión e o vento formaron alicerces de rocha, túneles naturais e grutas ocultas que conforman unha paisaxe única.
O día aínda deu para achegarnos ata Silves, fermosa e tranquila cidade situada nun outeiro a beiras do río Arade, considerada a antiga capital do Algarve, onde puidemos admirar o seu castelo de cor vermella, característica da construción da zona. Tamén visitamos a Sé ou Catedral, construída entre os séculos XIII e XVIII, sufrindo varios cambios ao longo dos séculos, presentando mestura de varios estilos: gótico, rococó, barroco…
O sábado día 10, desprazámonos ata Olhao, fermosa vila coas rúas construídas en zig-zag con aspecto de influencia mora, sendo un dos Portos de pescadores máis importantes do Algarve. Tivemos o pracer de pasear polo mercado de peixe e froitas.
Preto de Olhao tamén visitamos a maxestuosa cidade de Faro, capital e cidade máis importante do Algarve. Dando un paseo polo casco histórico é como entrar noutra época, viaxando a través de séculos de historia. Cruzamos o Arco da Vila, unha das Portas medievais de entrada ao casco histórico. As súas rúas empedradas , cheas de recunchos conectadas por arcos, que nos levan a un praza presidida pola estatua do Rei Alfonso III, a quen está dedicada.
A Catedral do século XIII foi reconstruída tras o terremoto de Lisboa, desde o seu campanario óllanse as mellores vistas da cidade e da ría.
No mesmo día desfrutamos do pintoresco centro histórico da Albufeira, chamada polos árabes no século VIII “Castelo do Mar” por estar situada no alto dos cantís. Por último visitamos e Vilamoura, cidade turística e moderna, de ambiente tranquilo. Posúe un enorme Centro deportivo e as ruínas dunha vila romana, con baños e mosaicos no centro da vila.
O domingo día 11 chega a hora de partir, pero de camiño paramos na fermosa localidade de Ovidos, unha das vilas medievais mellor conservadas de Portugal, totalmente amurallada, cun Castelo situado dentro declarado no ano 2007 Monumento Nacional e unha das 7 Marabillas de Portugal. A rúa principal está chea de tendas de artesanía, bares e restaurantes donde degustar un rico chocolate ou un bo licor.
Por fin chegamos ás nosas casas, de noite, cansas pero con máis ganas de seguir coñecendo novos lugares, unha viaxe que conxuga: CONVIVENCIA, COÑECEMENTO E LECER.