2018
Lobios, 1 e 2 decembro
FEMURO organizou un ano máis as Xornadas de Desenvolvemento Rural o 1 e 2 de decembro. Son moitos os anos que a federación leva organizando as mesmas pero este ano por primeira vez leváronse a cabo nun novo emprazamento, o Balneario de Lobios, ofrecendo deste xeito ás participantes a oportunidade de coñecer outros recursos da provincia de Ourense.
Estas xornadas van destinadas ás socias das diferentes asociacións de mulleres rurais de Ourense adheridas a FEMURO e este ano a pesares da distancia do emprazamento tiveron unha gran afluencia participando máis de 100 mulleres durante toda unha fin de semana de convivencia.
O obxectivo destas xornadas é incentivar o espírito participativo e emprendedor da muller no rural e a través das mesmas amósanse diferentes iniciativas de emprendemento, lideradas maioritariamente por mulleres co fin de revalorizar o rural e visibilizar o papel da muller na sociedade, partícipe no desenvolvemento sostible do rural. Estas xornadas conxugan formación xunto con actividades lúdicas e culturais onde as participantes poden así mesmo desfrutar dunha fin de semana de relaxación no balneario rodeadas dun entorno privilexiado.
As xornadas deron comezo o sábado 1 de decembro coa chegada das mulleres ao Balneario de Lobios e as primeiras actividades de interrelación programadas. Durante a tarde do sábado as participantes puideron coñecer os recursos do balneario e desfrutar dos mesmos, así como do seu entorno.
O eixo central das xornadas tivo lugar o domingo 2 de decembro, co acto oficial de inauguración ás 11:00 h a cargo da Directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Dna. Amparo González Méndez, a Alcaldesa de Lobios Dna. Mª Carmen Yañez Salgado e a Presidenta de FEMURO, Dna. Mª Isabel Garrido Blanco.
A continuación, tivo lugar unha mesa de experiencias denominada: “Emprendendo no rural” onde se presentaron dúas iniciativas:
- Ana Mª García Fernández, Avogada e fundadora de FEMLEGAL, consultoría e entidade formativa especializada en igualdade de xénero e dereitos das mulleres. Nun pasado mantivemos unha estreita relación con Ana, xa que colaboramos en diferentes proxectos a través da ONG Axuda en Acción. Este reencontro foi un espazo moi emotivo onde puidemos recordar anécdotas e ademais Ana contounos o seu novo proxecto innovador no rural.
- Miguel Losada, Secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Amosou o labor e traballo das mulleres mariscadoras plasmado a través da fotografía enmarcado dentro do “Proxecto Ría de Muros e Noia: unha paisaxe cultural creada por mulleres mariscadoras”. Este traballo pon de relevancia o gran papel destas mulleres traballadoras e esforzadas que manteñen viva a tradición ó tempo que contribúen á creación de riqueza, como parte do patrimonio cultural galego.
Para clausurar as Xornadas, contamos coa presenza de Dna. Mª Sol Díaz Mouteira, delegada territorial da Xunta en Galicia, en representación da Secretaria Xeral da Igualdade e Dna. Teresa Cerdeira Valiñas, deputada en Igualdade da Deputación Provincial de Ourense, acompañadas por Dna. Mª Isabel Garrido Blanco, Presidenta de FEMURO.