2016
Un ano máis quixemos conmemorar este día, porque seguen a existir desigualdades entre mulleres e homes e é necesario seguir loitando, unha loita coa que pretendemos erradicar nun futuro non moi afastado as situacións de desigualdade que sufrimos a cotío.
Este ano 2016, a Asociación de MM.RR “TRES DE MAIO” de Laza, fixo coincidir a conmemoración deste día coa celebración dos seus 20 anos traballando e loitando polas mulleres do rural.. Participaron máis de 300 mulleres de toda a provincia de Ourense.
As mulleres foron recibidas no CEIP Castiñeiro de Laza pola Presidenta da Asociación anfitrioa e demais socias.
No interior, a presidenta, Manuela Criez, deulles a todas a benvida e as grazas por compartir esta xornada tan importante con elas, na que lembran os seus inicios e todo o traballo realizado ano tras ano en prol da igualdade e dos dereitos da muller, sobre todo da muller rural.
Tras as palabras da presidenta, ésta deulle a palabra a Mª Isabel Garrido, presidenta de FEMURO e despois interviu ao alcalde de Laza, José Ramón Barreal, figuras importantes neste acto, segundo palabras de Manuela, que colaboraron en todo momento coa Asociación para que a xornada saíra adiante.
O alcalde deulle a todas as mulleres a benvida ao seu concello e falou da importancia da muller para o desenvolvemento do rural, a súa loita continua por revalorizar o seu papel e achegar recursos e servizos, dinamizando o seu tempo, tanto formativo como de lecer.
No acto estiveron presentes en todo momento a Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, a Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira e Ana Villarino, en representación da Deputación Provincial de Ourense, sen faltar por suposto, Mª Isabel Garrido Blanco.
A Asociación anfitrioa quixo facer unha agarimosa homenaxe ás antigas presidentas da Asociación, e tamén a Corona Meixeira, unha figura importante na creación da Asociación. u
A continuación, todas as presentes puideron ver unha fermosa e emotiva presentación de imaxes que mostraban os 20 anos de andadura da asociación.
De seguido, a Secretaria Xeral da Igualdade dixo unhas palabras para clausurar o acto e convocou a todas as mulleres a saír á rúa para proceder á inauguración da Praza da Muller.
Tras o acto de inauguración as socias da asociación anfitrioa esperaban ás mulleres por grupos para ensinarlles a súa fermosa aldea, facendo diversas paradas para coñecer máis de preto todo o que esconde Laza ( Exposición de Traballos da Asociación na casa que elas mesmas reformaron, Obradoiro do peliqueiro e da Bica de Laza, casco vello da aldea…) para rematar no Pavillón Polideportivo onde as agardaba un delicioso xantar para compartir a experiencia vivida durante a mañá e máis sorpresas, como a actuación improvisada dun grupo de pandereteiras, e como non, un pouco de baile e distensión para culminar unha xornada chea de experiencias e emocións.
Este ano tampouco quixeron faltar para conmemorar este día as 150 mulleres pertencentes ás Asociacións de MM.RR da comarca de O Carballiño, que se reuniron o día 2 de abril en CO Carballiño.
A presidenta da Asociación de MM.RR “Rubideira”, Asociación encargada da organización do acto, Elsa Pajarín, deu a benvida a todas as mulleres xunto con Mª Isabel Garrido, presidenta de FEMURO. Ambas dixeron unhas palabras e deron paso a unha Representación Teatral a cargo da Asociación de MM.RR “A Rubideira. Para rematar a xornada as participantes compartiron un tempo de ocio e distensión protagonizado por un xantar e tempo de baile.