XV Edición
Viveiro, 9 e 10 xuño
FEMURO levou a cabo a XV edición do Foro da Igualdade durante a fin de semana do 9 e 10 de xuño.
Nesta ocasión máis de 100 mulleres socias das diferentes asociacións de mulleres rurais adheridas a FEMURO desprazáronse ata Viveiro para celebrar o mesmo.
O FORO DA IGUALDADE ten como obxectivo fundamental visibilizar e reforzar o traballo que veñen realizando as entidades a favor da igualdade así como impulsar iniciativas que favorezan a igualdade real entre mulleres e homes.
Para elo, cada ano no mesmo trátanse diferentes temáticas no ámbito da igualdade de xénero, centrándonos nesta edición na temática: “As mulleres nas artes escénicas”.
O Foro deu comezo o sábado 9 de xuño coa inauguración a cargo de Dna. Mª Isabel Garrido Blanco, presidenta de FEMURO xunto coa Concelleira de Cultura, Muller e Xuventude do Concello de Viveiro, Dna. Lara Fernández Fernández-Noriega.
Seguidamente en relación á temática abordada este ano, contamos cunha ponencia a cargo da actriz galega Estíbaliz Veiga, a cal participou en series como Matalobos, Serrramoura e Pazo de Familia da TVG. A exposición versou sobre a experiencia persoal da actriz como muller traballadora nas artes escénicas e tamén para contar ás mulleres participantes que é a plataforma Clásicas e Modernas, así como amosar un anaco da recén estreada Obra teatral “Golpes” na que é a protagonista.
Para a clausura do Foro, contouse coa presenza de Dna. Susana López Abella, Secretaria Xeral da Igualdade e acompañando a esta o Delegado da Xunta en Lugo, D. José Manuel Balseiro Orol.
Ademais, por outra banda o Foro conxuga diferentes actividades recreativas, culturais e de coñecemento do patrimonio material e inmaterial galego onde as participantes poden compartir experiencias durante unha fin de semana de convivencia. Dentro destas actividades incluíuse o sábado unha visita guiada por Ribadeo e a Praia das Catedrais e o domingo unha Visita a Viveiro, ao Mirador de San Roque e Souto de Retorta.