2018
DÍA DA MULLER RURAL 2018
2O ANIVERSARIO FEMURO
VERÍN, 2O de outubro
Este ano estivemos de celebración, FEMURO cumpre xa vinte anos dende que se constituíu, un 31 de marzo de 1998.
É un orgullo para todas nós que aquel proxecto que nacía por parte da iniciativa dunhas poucas asociacións de MM.RR. (en concreto 12) distribuídas en diferentes puntos da provincia de Ourense que había naquel momento xerminase e se mantivera ao longo do tempo incrementando de forma significativa o número de asociacións adheridas, crecendo en diferentes áreas e proxectos e dando grandes pasos cara o seu obxectivo fundamental: “acadar a igualdade real da muller do rural fomentando a súa participación nos diferentes ámbitos: social, laboral, económico, político e, en xeral, en todos aqueles que abarcan a vida das mulleres”.
Para a celebración do noso 20 aniversario quixemos facer coincidir o mesmo xunto cunha data moi especial para nós como é a conmemoración do Día da Muller Rural, quedando o 20 de outubro como data para a celebración que tivo lugar no municipio de Verín, por ser este onde está localizada a sede de FEMURO.
Por ser unha data tan especial quixemos levar a cabo unha Xornada diferente, chea de actividades variadas, moi emotivas que marcan a traxectoria de FEMURO durante estes 20 anos de funcionamento. A participación foi masiva, acollendo a preto de 400 mulleres integrantes das diferentes asociacións de MM.RR. adheridas a FEMURO dispersadas por toda a provincia de Ourense.
O acto de inauguración foi levado a cabo ás 11:00 h no Auditorio de Verín a cargo da Presidenta de FEMURO, Dna. Mª Isabel Garrido Blanco e seguidamente coa intervención do Tenente Alcalde de Verín, D. Diego Lourenzo Moura e Dna. Emilia Somoza Basalo, Concelleira de Educación, cultura e festexos do Concello de Verín que deron a benvida ás asistentes.
Para a presentación de todo o evento contamos coa actriz galega Estíbaliz Veiga e as actividades incluídas no mesmo foron as seguintes:
-Diversas actuacións musicais a cargo das seguintes asociacións de MM.RR integradas en FEMURO: Cova da Moura de Laias; Sta. María de Tamagos de Tamagos; Flor da Xesta de Verín; San Pedro de Queizás; Fonte do Ouro de Sandín; Patio de Melo de Ábedes.
-Proxección do vídeo: “Historia 20 anos FEMURO” onde a través de imaxes recordamos momentos emotivos, anécdotas e logros acadados.
-Recoñecementos e agradecementos ás Asociacións fundadoras e ás promotoras de FEMURO.
–Exposición fotográfica “Mulleres con historia”: Esta exposición elaborada por FEMURO nace coa intención de reivindicar a presenza das mulleres na Historia. Con esta exposición queremos sacar da invisibilidade a mulleres que foron axentes de cambio histórico en diferentes eidos e que, polo tanto, destacaron e merecen ser recoñecidas. Quixemos facelo da man de mulleres de a pé que se prestaron a ser fotografadas imitando as súas referentes. Xunto con esta exposición amosouse o “making off” da montaxe previa a exposición.
-Presentación calendario: “20 anos de FEMURO”: FEMURO e as súas asociación elaboraron este calendario destinado a fins solidarios. Os calendarios consisten na escenificación por parte das mulleres creando palabras empoderantes, tendo como obxectivo por unha banda, que as mulleres do rural sexan partícipes dun calendario feminista, divertido, orixinal e que o mostren orgullosas e por outra banda, a recadación solidaria de fondos para proxectos sociais de FEMURO dirixidos a colectivos en risco de exclusión.
–Interpretación con piano e voz en directo da canción “FEMURO” composta expresamente para conmemorar os 20 anos.
Para a clausura do acto contamos coa Secretaria Xeral da Igualdade, Dna. Susana López Abella, Dna. Silvia Dorado, secretaria territorial da delegación de Presidencia da Xunta en Ourense e Dna. Teresa Cerdeira Valiñas, deputada de igualdade da Deputación de Ourense.
Para rematar a xornada as participantes desfrutaron dun xantar de confraternidade e posteriormente baile onde as mulleres participantes puideron compartir as experiencias vividas durante o día.