2018
Con motivo da conmemoración do Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero creouse a I Semana en contra das violencias machistas na comarca de Verín. De igual forma que o ano pasado traballouse en equipo coas entidades gobernamentais (CIM) e non gobernamentais da comarca como o CDR Portas Abertas e Cruz Vermella.
Este data é moi significativa para FEMURO xa que dende os inicios sempre se traballou a prol da igualdade. En todas a nosas accións utilizamos a sensibilización en igualdade como a mellor arma para loitar contra a violencia de xénero, e nesta data non ía ser menos xa que esta é o resultado dunha gran desigualdade entre homes e mulleres.
As actividades de prevención, concienciación e rexeitamento, resultado do traballo en conxunto coas asociacións da comarca de Verín, contra a violencia de xénero desenvolvéronse durante dous días, o 23 e o 25 de novembro. Para esas datas utilizouse un lema en común que foi: “A Fortaleza é das Mulleres”
O venres 23 de Novembro, ás 18:00 horas, tivo lugar na sede de AEVER un taller socio-comunitario baseado no famoso movemento #METOO. Neste café proporcionouse ás mulleres un espazo libre para a expresión de situacións de acoso por razóns de xénero. Ademais léronse varias testemuñas reais sobre o acoso percibido de varias mulleres anónimas, as cales foron o fío condutor das charlas que se propiciaron nese momento.
No mesmo día, o terminar o café #METOO realizouse a lectura do manifesto e a performance na praza do Concello. Este ano o manifesto foi escrito por medio de escritos de varias mulleres vítimas de violencia de xénero que enviaron de forma anónima a unha páxina web habilitada con ese fin. A performance foi realizada por varias alumnas do I.E.S. Taboada Chivite onde puxeron a súa voz a tres cancións que loitan contra a gran lacra da violencia de xénero.
Durante o manifesto quixemos reforzar a aquelas mulleres que foron capaces de saír de situacións de maltrato. Ás mulleres sobreviventes son un claro exemplo de superación e por iso a través das nosas redes sociais fixémonos eco de frases positivas e empoderantes.
O día propio da loita contra a violencia de xénero, 25 de Novembro, FEMURO estivo presente na primeira Gala Comarcal contra as violencias machistas, organizada polo CIM. A gala compúxose de varios actos e foi presentada por alumando adolescente do I.E.S Taboada Chivite.
Unha das actuacións foi a realizada polo grupo de teatro AS SILVARDEIRAS da asociación de MM.RR. Silvardeira de Allariz, que representaron a obra “Cando Valentina era mala”.
Para rematar o acto presentouse o spot realizado polo CIM “Ti, que maltratas” composto de voces de diversas mulleres da Comarca de Verín contra os discursos utilizados polos homes maltratadores.
Outras actuacións que se levaron a cabo en FEMURO para conmemorar este día:
- Participación na actividade organizada pola Secretaría xeral da igualdade:
FEMURO quixo volver estar presente na Andaina “Camiño ao respecto” que organizou a Secretaría Xeral da Igualdade o día 25 de Novembro de 2018 que partiu dende o Monte do Gozo en Santiago de Compostela.
Para elo, FEMURO e parte das súas asociacións e alumnos/as dos cursos formativos dese momento, cun total de 70 persoas, desprazámonos ata o Monte do Gozo en Santiago para participar na andaina “Camiño ao Respecto” de 6 km: un camiño cara a erradicación da violencia contra as mulleres que ao mesmo tempo simboliza un camiño de esperanza e de recordo para todas as vítimas da violencia machista.
Nesta edición, a Secretaria Xeral da Igualdade, Dna. Susana López Abella estivo acompañada de D. Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia e D. Miguel Ángel Santalices Vieira, presidente do Parlamento Galego, entre outras personalidades políticas.
AS ASOCIACIÓNS PARTICIPANTES FORON AS SEGUINTES:
Asociación de MM.RR A Carballa, Asociación de MM.RR O Recuncho, Asociación de MM.RR Abelenda das Penas, Asociación de MM.RR Nosa Señora do Portal, Asociación de MM.RR A Lagoa, Asociación de MM.RR Patio de Melo, Asociación de MM.RR Arnoia e Asociación de MM.RR Rubideira.
OUTRAS ACTUACIÓNS CONTRA A VIOLENCIA
- quedada contra a sentenza da “manada”
O 22 de xuño coñecíamos a sentenza contra a Manada. O veredicto emitido pola Audiencia Provincial de Navarra tan so condenaba aos violadores a nove anos de prisión como autores dun delito continuado de abuso sexual con prevalemento.
Esta decisión fixo que as mulleres de toda España volveran sentir a necesidade de saír á rúa para manifestar o seu malestar e desacordo con esta decisión.
FEMURO, xunto co CIM-Mancomunidade de Verín, ante este clamor popular e as peticións que nos foron chegando ao longo da mañá, convocou unha quedada contra dita sentenza que se materializou nunha xuntanza no parque da Alameda de Verín onde as persoas congregadas puideron manifestar o seu desacordo realizando carteis onde se podían ler frases como: “Eu créote”, “Non é non”, “A rúa é nosa” ou “Irmá, aquí está a túa mandada”. Finalmente, nunha marcha improvisada, rematamos percorrendo as rúas de Verín berrando o noso desacordo coa sentenza e reivindicando que a xustiza deixe de ser patriarcal e teña en conta a perspectiva de xénero.
****Tamén se realizaron actividades por este día no proxecto “DA MAN” (Ver en programas sociais).