2020

Para conmemorar o Día Internacional da Muller, neste 2020 FEMURO levou a cabo, como en anos anteriores, unha serie de iniciativas xunto coas Asociacións de Mulleres Rurais adheridas á entidade, que se englobaron na campaña “Libres, fortes e empoderadas”.

En primeiro lugar destacamos a realización dun vídeo no que quixemos plasmar unha pequena parte das actividades que as mulleres rurais realizan ao longo do ano na súa asociación, para así agradecer ao movemento asociativo a gran labor que desenvolven día a día dando e mantendo a vida no rural. 

A participación na elaboración do vídeo foi de 19 asociacións, que mencionamos a continuación:

Asoc. De MM.RR “25 de Xullo” (Albarellos), Asoc. De MM.RR “As Candelas” (Pazos), Asoc. De MM.RR “Arracada” (Vilar de Santos), Asoc. De MM.RR “A Carballa” (Rairiz de Veiga), Asoc. De MM.RR “Da Raia” (Baltar), Asoc. De MM.RR “Entre Nós” (Vilardevós), Asoc. De MM.RR “A Esperanza” (A Salgueira), Asoc. De MM.RR “Flor da Xesta” (Verín), Asoc. De MM.RR “Fonte do Ouro” (Sandín), Asoc. De MM.RR “Fonte do Sapo” (A Rasela), Asoc. De MM.RR “Nosa Señora do Portal” (Ribadavia), Asoc. De MM.RR “O País do Riós” (Riós), Asoc. De MM.RR “O Patio de Melo” (Ábedes), Asoc. De MM.RR “Pegureiras” (San Mamede de Urrós), Asoc. De MM.RR “As Raiotas” (Feces de Abaixo), Asoc. De MM.RR “Sal Salvador da Roza” (Medeiros), Asoc. De MM.RR “Sarreaus” (Sarreaus), Asoc. De MM.RR “Santa María de Tamagos (Tamagos), Asoc. De MM.RR “Tres de Maio” (Laza).

 

 

Ademais do anterior, este ano as Asociacións de Mulleres Rurais integradas en FEMURO reunímonos por Comarcas en distintos actos para reivindicar os dereitos das mulleres e a importancia da súa loita por acadalos, querendo deste xeito favorecer o seu desenvolvemento íntegro como persoa, visibilizando e poñendo en valor a súa participación tanto no espazo público como no privado.

Os actos tiveron lugar nas Comarcas de O Ribeiro, Verín e A Limia, tendo que suspender as conmemoracións previstas na Comarca de Valdeorras e na de Carballiño pola emerxencia ocasionada polo COVID-19.

 

COMARCA DO RIBEIRO:

Esta primeira conmemoración do 8M tivo lugar o sábado 7 de Marzo e nela participaron arredor de 90 mulleres pertencentes ás diferentes asociacións de MM.RR desta comarca adheridas a FEMURO.

A xornada iniciouse ás 13:30 horas no Hostal Restaurante Evencio (Ribadavia), onde tivo lugar unha actuación do Grupo de pandereteiras “Festa da Historia” de Ribadavia, seguido de un xantar de confraternidade que finalizou cunha exhibición de baile.

 

COMARCA DE VERÍN:

Nesta localidade, na que contamos coa participación de 93 mulleres pertencentes a 12 asociacións, o acto principal desenvolveuse no Auditorio da vila o propio 8 de Marzo.

         Trala chegada das participantes sobre as 11:30 horas ao mencionado espazo, comezamos o acto con unha pequena exposición de temas relacionados co Día da Muller: porqué se conmemora este día, cales son os obxectivos actuais do feminismo… Para elo baseámonos no Argumentario da Comisión 8 de Marzo de Madrid, que divide as necesidades actuais das mulleres en catro grandes bloques (violencias, corpos, fronteiras e economía).

Posteriormente desenvolvemos un pequeno espazo audiovisual no que en primeiro lugar proxectamos o corto “Rural es feminista”, que se centra na necesidade de dar voz e por en valor á muller rural que loita cada día porque se recoñezan os seus dereitos nun mundo dominado pola masculinidade e o patriarcado. Así mesmo, as asistentes puideron ver o vídeo musical da Campaña FEMURO 8M “Libres, Fortes e Empoderadas” (realizado por moitas delas) e o elaborado polo alumnado do CEIP Amaro Refojo de Verín.

O día finalizou con un xantar de confraternidade no restaurante Brasil, que foi amenizado con música e no que todas xuntas puidemos disfrutar de un ambiente festivo e distendido.

 

COMARCA DA LIMIA:

O acto nesta localidade, que contou coa colaboración do Concello de Xinzo de Limia e do CDR O Viso, foi inaugurado ás 12:30 horas na Casa da Cultura pola Alcaldesa da vila, Elvira Lama, tras o que se produciu unha pequena intervención do equipo de FEMURO que introduciu o Día Internacional das Mulleres e deu paso á proxección do mesmo material audiovisual que no caso de Verín.

Posteriormente a alcaldesa presentou a exposición do CDR O VISO “Mulleres Ilustradas da Limia” centrada en visibilizar a distintas figuras da comarca para por en valor o traballo que realizaron.

Tras elo desfrutamos da intervención de Pepa Molinos Barrio, que nos contou a súa experiencia como muller rural titular dunha explotación agrogandeira en Lamas, finalizando o acto coa lectura dun manifesto por parte da Alcaldesa de Xinzo de Limia, Dna.Elvira Lama e cun xantar de confraternidade no que participaron todas as asistentes.

Nesta ocasión o CIM de Xinzo de Limia colaborou no acto cedendo o seu stand “Punto de sensibilización e concienciación contra a violencia de xénero”, ao que as participantes podían acudir e informarse durante todo o desenvolvemento da xornada.

O número de asistentes a este acto, que tivo lugar o propio 8 de Marzo, foi de 54 mulleres, pertencentes a 5 asociacións de MM.RR da zona.

 

 

Como última actuación a englobar dentro deste apartado, cabe sinalar a presenza de FEMURO na concentración levada a cabo na Praza do Concello de Verín o 9 de Marzo ás 12:30 horas, que realizamos en colaboración co Concello, o CIM da Mancomunidade de Monterrei, Cruz Vermella, o CDR Portas Abertas e diversas entidades feministas da zona.

Nesta ocasión as traballadoras da entidade estivemos acompañadas por mulleres coas que desenvolvemos o noso traballo habitualmente, actuando como representantes de todas as asociacións para por o noso gran de area na loita pola igualdade plena e real.