25N – 2022

 

Como cada ano, a Federación realizou unha campaña de reivindicación da fin das Violencias Machistas, nesta ocasión centrándonos na violencia verbal.

Tendo como base a obra “Más puta que las gallinas”, de Luis Amavisca e Sonia Pulido, realizamos ao longo do mes de novembro un conxunto de actividades tanto coas Asociacións de Mulleres Rurais que integran a nosa Federación, como coa infancia, os centros educativos e a comunidade en xeral a través das nosas redes sociais.

 

 

                As actuación desenvoltas foron as seguintes:

  • Coas asociacións federadas.

Continuando a liña de anos anteriores, realizamos coas mulleres rurais un vídeo musical tendo como base a canción “Loba” de Rozalén. Nel expuxemos diferentes manifestacións de violencia verbal contra a muller e reivindicamos o empoderamento feminino como base para alcanzar a igualdade.

O vídeo foi compartido por Whatsapp coas participantes e tamén se colgou na plataforma de Youtube e nas redes sociais de FEMURO (Facebook e Instagram) para así chegar á poboación xeral. Pódese acceder ao seu visionado a través da seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=g3H9FKKkCOw

A participación, como ven sendo habitual ao longo dos anos, foi moi elevada, sendo máis de 200 as mulleres que aportaron o seu gran de area nesta actividade e que pertencen as seguintes asociacións:

Asoc. MM.RR. “Toural” (Mandín, Verín); Asoc. MM.RR. “Fonte do Sapo” (A Rasela, Verín); Asoc. MM.RR. “Flor da Xesta” (Verín); Asoc. MM.RR. “Patio de Melo” (Ábedes, Verín); Asoc. MM.RR. e Consumo “Tres de Maio” (Laza); Asoc. MM.RR. “San Pedro” (Queizás, Verín); Asoc. MM.RR. “ O Cruceiro” (Matamá, Laza); Asoc. MM.RR. “Cruceiro Gordo” (Melón); Asoc. MM.RR. “Límicas” (Xinzo de Limia); Asoc. MM.RR. e Consumo “San Salvador da Roza” (Medeiros, Monterrei); Asoc. MM.RR. “Entre Nós” (Vilardevós); Asoc. MM.RR. de Feces de Abaixo “As Raiotas” (Feces de Abaixo, Verín); Asoc. MM.RR. “Arnoia” (Arnoia); Asoc. MM.RR. “A Carballa” (Rairiz de Veiga); Asoc. “Os Tres Reinos” (A Mezquita); Asoc. MM.RR. “Sarreaus” (Sarreaus); Asoc. MM.RR. de “Arcos de Valdeorras” (Vilamartín de Valdeorras); Asoc. MM.RR. “Santa María de Tamagos” (Tamagos, Verín); Asoc. MM.RR. “Pegureiras” (Allariz); Asoc. MM.RR. “Arracada” (Vilar e Santos).

A elas sumáronse outras mulleres que participaban nese noutros programas e formacións da nosa entidade (Mulleres que contan; Competencias Dixitais).

  • Co alumnado de centros educativos.

Rachar cos mitos do amor romántico e coñecer a orixe do 25 de novembro foron os temas principais que traballamos no CEIP Plurilingúe Amaro Refojo (Verín) e no CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia).

Coas nenas e nenos de Educación Infantil de ambos centros coñecemos a historia das Irmás Mirabal a través do conto “Las Tres Mariposas”, realizando posteriormente un mural que as e os pequenos decoraron e colgaron nas paredes do colexio.

 

 

Con 5º e 6º de Educación Primaria fixemos varias dinámicas nas que aprendemos a construír relacións sentimentais baseadas no respecto, na igualdade e na non violencia; ademais de traballar o acoso sexual a través da historia “5 veces”.

 

En ambos casos repartimos pegatinas relacionadas cos temas traballados, laranxas para comprender que non somos a media laranxa de ninguén e estoxos e mochilas nos que se contempla o lema “Feminismo – Machismo: con que lente miras?”.

                Estas actividades foron complementadas cunha performance do alumnado de 5ºA do CEIP Plurilingüe Amaro Refojo, que tivo lugar no acto institucional que diferentes entidades da Comarca de Verín organizaron para reivindicar a fin das violencias machistas. 

Nela o alumnado expuxo diferentes mitos do amor romántico e contrastounos con valores positivos nos que deben basearse todas as relacións. Tras deixar ben claro que non somos a media laranxa de ninguén, os nenos e nenas encargáronse de repartir esta froita e pegatinas a todas as persoas que asistiron ao acto.

 

  • Coas nenas e nenos de Ludofemuro, Femuro Chefs e Femuro Concilia.

Ludofemuro, Femuro Chefs e Femuro Concilia son tres programas que desenvolvemos ao longo do 2022 con nenas e nenos de diferentes idades. Como non podería ser doutra forma, traballamos a violencia machista con todos/as os/as participantes dende unha óptica da prevención e adaptándonos ás diferentes características do seu período vital.

O recurso escollido foi a música, gravando un videoclip no que os e as pequenas simularon ser unha banda a través da interpretación da canción “Ya no me dejo caer” do Grupo Dôn.  O vídeo pode atoparse na nosa canle de youtube a través da seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=lBjSXW_CzJs.

 

 

Esta actividade complementouse coa visita de tres integrantes do Grupo ás nosas instalacións, de maneira que as nenas e nenos tiveron a oportunidade de coñecer máis datos desta formación musical e puideron escoitar unha peza en directo, obtendo ademais un recordo en forma de autógrafo.

  • Coa poboación xeral.

Continuando a liña do ano 2021, e co obxectivo de implicar á poboación xeral, realizamos unha campaña a través das nosas redes sociais na que reflexionamos sobre o dobre significado que moitas palabras teñen en función do xénero empregado.

Analizamos así distintas palabras como `zorro´ e `zorra´, `bruxo´e `bruxa´ tendo como base as definicións contempladas na Real Academia Española, coas que realizamos un montaxe que compartimos a través de Facebook e Instagram.