ENCONTROS – FEMUPO 2022
Tras dous anos sen poder facer encontros deste tipo, por fin nos puidemos xuntar e compartir momentos e vivencias.
Nesta ocasión, as mulleres de FEMUPO- Federación de Mulleres pola Igualdade de Pontevedra convidounos a pasar unha fin de semana en BUEU.
Así, un grupo de 64 mulleres de toda a provincia de Ourense, integrantes das Asociacións de MM.RR federadas desprazáronse ata Bueu durante a fin de semana do 30 de Setembro e 1 e 2 de Outubro para desfrutar dunha completísima programación a cargo das mulleres de FEMUPO.
O venres 30 de Setembro, despois de instalarnos nos hoteis, fomos recibidas cunha cea de benvida que compartimos con mulleres de Vigo, Tui, Bueu, Pontevedra… Unha primeira noite de toma de contacto entre todas as participantes.
O sábado 1 de outubro visitamos a Praza de Abastos de Bueu acompañadas de Rita de Ardora Consulteros, facendo unha explicación sobre a iniciativa PESCA DE RÍAS ( Premio Mulleres FEMUPO deste ano 2022). Percorremos os distintos postos da Praza, mirando de preto os peixes máis destacados da zona, as súas características…
Mentres, outro grupo contemplabamos o Porto de Bueu da mán de Pili ( de FEMUPO), que nos achegou aos distintos tipos de embarcacións e tipos de pesca na zona. Destacando como produto maioritario o polbo.
De forma simultánea, outro grupo visitaba o Museo Massó, antiga fábrica conserveira da familia Massó, agora convertida en Museo que amosa o traballo que se realizaba na fábrica a través de fotografías e os tipos de maquinaria e utensilios utilizados.
Como remate dunha mañá moi interesante coñecendo os lugares máis emblemáticos de Bueu, as mulleres participaron nun taller de Risoterapia na praia, quitáronse os zapatos e durante un rato, sobre a area, compartiron momentos de risas e distensión entre compañeiras.
Tras descansar un rato e repor forzas, pola tarde paseamos en barco pola Ría de Pontevedra podendo degustar uns saborosos mexillóns da ría.
Tras un intenso día tocaba descansar e prepararse para o domingo, no que FEMUPO e FEMURO se deron cita no Auditorio de Bueu para unha charla coloquio no que abordamos o “ Cambio xeracional nas Asociacións”. Representantes de AMEI Vigo, Mulleres da ría de Pontevedra e FEMURO analizaron o papel da Asociacións de Mulleres, o seu labor, as melloras, as súas necesidades e inquedanzas… de cara a un futuro mellor.
Rematamos a fin de semana coa presentación dun libro editado por FEMUPO “ Proteger es mi deber. El honor mi divisa”. A autora contou a súa experiencia na elaboración do libro, como xurdiu ( baseado nunha historia real dunha vítima de violencia de xénero). Todas as mulleres que quixeron puideron mercar un exemplar asinado pola autora.
Unha fin de semana chea de emocións e momentos compartidos con mulleres de zonas e realidades moi distintas, pero todas mulleres que loitan pola igualdade. Un encontro que esperamos que sexa o primeiro de moitos.