2018
Como cada ano FEMURO levou a cabo a conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller xunto coas asociacións de mulleres rurais adheridas á entidade. Para este fin, este ano puidemos contar cunha axuda da Deputación Provincial de Ourense a través dunha subvención destinada a entidades sen ánimo de lucro.
As actuacións realizadas na conmemoración do Día Internacional da Muller foron levadas a cabo en coordinación coas asociacións de MM.RR. a través da campaña que FEMURO desenvolveu este ano baixo o lema de: “LOITADORAS HOXE E SEMPRE” .
–VIDEO 8M: Porque “se nós paramos, párase o mundo”, as mulleres de 18 asociacións federadas tamén se sumaron a colgar o mandil e as súas ferramentas de traballo e compartiron con nós as súas fotos para que FEMURO montase un vídeo que foi difundido nas redes sociais para desta maneira e a pesar da distancia física que nos separa, puideramos estar todas xuntas neste importante día para todas as mulleres . Tamén se recolleron todas as fotos para confeccionar un cartel que cada Asociación colgou no seu lugar de reunión.
Ademais leváronse a cabo diferentes actos nas seguintes COMARCAS da provincia de Ourense:
-COMARCA DE VERÍN: FEMURO e as súas asociacións estiveron presentes o 8 de marzo no acto de concentración na praza do Concello de Verín e posterior lectura de manifesto.
-COMARCA DO CARBALLIÑO: a Asociación de MM.RR. A Rubideira do Reino, integrada en FEMURO, como cada ano, foi a organizadora da conmemoración desta data na Comarca do Carballiño. Esta asociación con ampla traxectoria no ámbito teatral interpretou para esta data unha obra teatral no Casino do Carballiño o 7 de abril.
Asistiron como espectadoras preto de 100 mulleres da comarca do Carballiño.
Así mesmo levouse a cabo unha comida de confraternidade onde as participantes puideron compartir as experiencias vividas durante a xornada.
–COMARCA DO BARCO DE VALDEORRAS: FEMURO xunto coas asociacións de MM.RR. da Comarca do Barco de Valdeorras reuníronse o día 17 de Marzo para conmemorar o Día Internacional da Muller.
Diferentes mulleres deron paso á lectura de varios poemas da poetisa Gioconda Belli. De forma complementaria unha técnica social de FEMURO fixo a lectura dun manifesto. Asistiron ao acto 98 mulleres da comarca.
Para finalizar a xornada, levouse a cabo unha comida de intercambio de experiencias e convivencia.