2019

Laias, 30 novembro e 1 de decembro.

Como cada ano, FEMURO organizou as Xornadas de Desenvolvemento Rural ao longo dun fin de semana.  Continuando coa iniciativa de hai uns anos de desenvolver esta actividade nun balneario, este ano desprazámonos a Laias, dándolle así ás participantes a oportunidade de seguir coñecendo os recursos da rede de Balnearios Caldaria en Ourense.

Estas xornadas van destinadas ás socias das diferentes asociacións de mulleres rurais de Ourense adheridas a FEMURO, contando este ano cunha participación de 170 mulleres, que pon de manifesto a afluencia cada vez  maior co paso dos anos.  

O obxectivo destas xornadas é incentivar o espírito participativo e emprendedor da muller no rural e a través das mesmas amósanse diferentes iniciativas de emprendemento, lideradas por mulleres co fin de revalorizar o rural e visibilizar o papel da muller na sociedade, partícipe no desenvolvemento sostible do rural. Estas xornadas conxugan formación xunto con actividades lúdicas e culturais onde as participantes poden tamén  desfrutar dunha fin de semana de relaxación no balneario.

As xornadas deron comezo o sábado 30 de novembro coa chegada das mulleres ao Balneario de Laias. Tras  as primeiras actividades de interrelación programadas, as participantes puideron desfrutar durante a tarde do sábado dos recursos do balneario, así como do seu entorno. 

O eixo central das xornadas tivo lugar o domingo 1 de decembro, co acto oficial de inauguración ás 11:30 h. a cargo do Alcalde do Concello de Cenlle, D. Gabriel Alén Castro, a Directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Dna. Amparo González Méndez e a Presidenta de FEMURO, Dna. María Isabel Garrido Blanco.

A continuación, as asistentes desfrutaron da intervención de Lola Rico Barrena, Coordinadora da Asociación Escola Rural de Saúde da Limia, coas súas aportacións relacionadas co papel da saúde no desenvolvemento rural. A través da súa exposición, as participantes coñeceron como se creou este recurso e que tipo de actividades desenvolve, entre outros aspectos. 

Posteriormente tivo lugar a mesa de experiencias “Mulleres emprendedoras no rural”, na que contamos coas seguintes contribucións:

  • Belén García Torreiro. Propietaria da tenda de puericultura: “La tienda del bebé” (Verín).
  • Concepción Alonso Montero e Noelia Fernández Alonso. Propietaria de “Agarimo: Axuda no fogar” (Berrande-Vilardevós) e traballadora da empresa.
  • María del Carmen Salgado Atanes. Directora da Casa Niño “Bolboreta” (Trasmiras).

Todas elas expuxeron diferentes aspectos relacionados coas súas iniciativas empresariais: en que consiste, porqué decidiron emprender, como foi o proceso previo á apertura do seu negocio, como valoran o feito de ser autónomas… Resolvendo ademais as diversas dúbidas do público ao respecto.

Para clausurar as xornadas contouse coa participación de Dna. Luz Doporto Real, Deputada da Área Reto Demográfico, Igualdade e Políticas Sociais da Deputación Provincial de Ourense e da Presidenta da Federación, Dna. María Isabel Garrido Blanco.