2015

Este ano 2015, a Asociación de MM.RR “Bibei” de Viana do Bolo, quixo facer coincidir a conmemoración deste día coa celebración dos seus 25 anos traballando e loitando polas mulleres do rural. A Asociación convidou a todas as asociacións federadas en FEMURO de toda a provincia de Ourense a que as acompañaran neste día tan especial para elas. Participaron preto de 250 mulleres de toda a provincia ourensá.

As mulleres foron recibidas  na Casa da Cultura de Viana, onde puideron ver de preto a exposición de traballos realizados polas mulleres da Asociación anfitrioa durante os seus 25 anos de andadura.

A continuación, a presidenta, Ramona García Méndez deu a benvida a todos/as os/as presentes e lembrou como empezaron hai 25 anos, como traballaron ano tras ano  e como loitaron para revalorizar o papel da muller no rural e achegar recursos e servizos, dinamizando o seu tempo, tanto formativo como de lecer.

Despois dunha emotiva presentación de imaxes mostrando os 25 anos da Asociación puidemos desfrutar da actución do Grupo de pandereteiras que homenaxearon a labor da Asoc. De MM.RR Bibei.

De seguido levouse a cabo unha Master Class sobre o Asociacionismo, impartida por Oscar López Mendaña, Educador Social, unha intervención moi  produtiva, que puxo de manifesto ao gran labor que realizan as Asociacións de MM.RR, provocando un gran sentimento de satisfacción en todas as presentes,  así como un empurrón para seguir traballando con moitas ganas de cara ao futuro.

Tras intervir o alcalde de Viana do Bolo e a Vicepresidenta de FEMURO, foron homenaxeadas as socias fundadoras da Asoc. De MM.RR Bibei, recibindo un agasallo entregado pola Xunta Directiva actual.

E non podía rematar o acto, sin un emotivo recoñecemento por parte das socias da asociación  do labor desempeñado pola presidenta durante 17 anos, “Ramonita”, como a chaman de forma agarimosa.

A continuación todas as mulleres puideron ver de preto a fermosa vila de Viana do Bolo, as súas rúas, as súas xentes. E como  broche dunha xornada chea de emocións, todas as mulleres intercambiaron impresións nun xantar de confraternidade, no que degustaron produtos típicos da zona, rematando como non, cun pouco de baile.

Por outra banda, a COMARCA DO CARBALLIÑO non deixou de conmemorar esta data tan relevante como fai ano tras ano. Para elo o día 28 de marzo reuníronse 130 mulleres pertencentes ás Asociacións de MM.RR de toda a comarca. As asistentes puideron desfrutar dunha Representación Teatral  a cargo da Asociación de MM.RR  “A Rubideira”, “Rosiña, a criada sordiña”, seguida dun tempo de ocio e distensión protagonizado por un xantar e tempo de baile, onde compartiron momentos e experiencias entre as socias.