2019

Con motivo da conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero as diferentes entidades gobernamentais (CIM-Mancomunidade de Verín) e non gobernamentais (CDR. Portas Abertas, Cruz Vermella, Asociación Feminista NOSAS, Marcha Mundial das Mulleres de Verín e FEMURO) da comarca desenvolvemos diferentes accións e actividades ao longo de todo o mes de novembro para informar, sensibilizar e concienciar contra a violencia machista.

Todas as entidades, movementos e asociacións feministas da comarca de Verín unímonos de novo baixo o lema “A FORTALEZA DAS MULLERES” cuxo acto final tivo lugar o 25 de Novembro na praza do Concello de Verín. Alí convocouse unha concentración común onde se realizou unha cacerolada, leuse un manifesto contra as Violencias Machistas e Femuro xunto coas nenas e nenos de Verín levou a cabo a performance “Estamos en Pé” para empoderar ás mulleres sobrevivintes da violencia de xénero.

Ademais tamén contamos coa amenización dun grupo de rapazas e rapaces da Banda de Gaitas de Verín e establecemos unha mesa onde todas as entidades, movementos e asociacións feministas da comarca deixaron información sobre os seus fins e as actividades que realizan.

 

 

En paralelo co anterior, FEMURO impulsou a Campaña de Sensibilización contra a Violencia de Xénero “Loita. Estamos en Pé”, coa que se realizaron diferentes actividades tanto en centros educativos como coa poboación xeral de Verín e as Asociacións de Mulleres Rurais da provincia de Ourense.

 

COAS ASOCIACIÓNS FEDERADAS:

A nosa línea de traballo coas Asociacións de Mulleres Rurais en relación ao 25 de Novembro segue sendo a de anos anteriores e presenta un gran nivel de participación e implicación por parte das asociacións.

En cada asociación traballouse o lema de forma diferente, asignando a cada unha un lema coas reivindicacións para este día en particular e para todos os restantes do ano. Co resultado de dito traballo elaboramos un vídeo que difundimos a través das nosas redes sociais o 25N.

 

NOS CURSOS E PROXECTOS QUE LEVA A CABO FEMURO DURANTE O ANO: E.S.A E REFORZO E MOITO MÁIS.

Xunto coas nosas asociacións, tamén incluímos a Campaña ao alumnado dos cursos que tíñamos activos durante o 25 de Novembro: a E.S.A. de 1º e 3º en Verín e o Curso Preparatorio para a Proba Libre da E.S.A. en Celanova.

Por outro lado, tamén nos xurdiu a posibilidade de realizar actividades relacionadas coa conmemoración do 25N coas nenas e nenos do programa Reforzo e Moito Máis, o cal temos en activo durante todo o ano.

Durante esta xornada reflexionamos sobre os roles de xénero e as profesións mediante a lectura do conto “As nenas poden con todo”. Ademáis tamén realizamos un bonito mural con mulleres relevantes na actualidade e ao longo da historia, xunto cos nosos retratos, xa que todas as persoas podemos facer grandes cousas.

As actividades con menores resultan moi enriquecedoras, e cremos que son moi necesarias para educar a futuras persoas adultas respectuosas e pacíficas. Porque a única maneira de acabar co gran problema do machismo é crear nenos e nenas igualitarios/as.

 

SENSIBILIZACIÓN EN CENTROS EDUCATIVOS:

Non podemos esquecer que a educación  dende a infancia é a mellor menciña contra a violencia de xénero, e ese é o noso obxectivo primordial.

Este ano, a nosa campaña de sensibilización en favor da igualdade e en contra da violencia de xénero nos centros educativos levouse a cabo no CEIP Princesa de España (Verín), CEIP Amaro Refojo (Verín), IES Xesús Taboada Chivite (Verín), Colexio Apostólico Mercedario (Verín) e no CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia).

Nos centros de primaria traballamos con 1º e 2º o conto “Mercedes quere ser bombeira”, onde aprendemos que as profesións non teñen xénero e que todas e todos podemos ser o que queiramos ser.

Con 3º e 4º reflexionamos co conto “Dúas pingas de auga” sobre os roles e estereotipos asociados a cada un dos xéneros e o que eso implica na nosa vida diaria. Finalmente, con 5º e 6º comprendemos, a través da historia “Cinco veces”, como podemos actuar fronte un acoso sexual e cales son as súas consecuencias.

Por outra banda, nos institutos de secundaria realizamos unha serie de ponencias sobre a violencia de xénero en todas as súas manifestacións, os mecanismos que temos para combatela e a igualdade de oportunidades.

 

 

OUTRAS ACTUACIÓNS CONTRA A VIOLENCIA:

  • Quedada contra os feminicidios. Asasinato de Vilalba.

FEMURO xunto co CIM- Mancomunidade de Verín convocou á cidadanía o 23 de xullo para mostrar a súa repulsa contra os crimes machistas que aconteceron ao longo desa semana que comezou co asasinato da galega Carmen Vázquez Cereijo e que se saldou con 5 mulleres asasinadas (tres delas en 24 horas) e dúas máis que sobreviviron a intentos de asasinatos.

                                                                  

  • 20s a noite violeta en verín: emerxencia feminista.

 O 20 de setembro FEMURO uniuse ao chamamento nacional e internacional da Plataforma Emerxencia Feminista de realizar a “Noite Violeta”.

 As continuas manifestacións de violencia machista que ao longo dos meses previos fomos coñecendo (asasinatos, violacións, manadas, pederastia, …) xunto co coñecemento días antes do triplo asasinato de Valga, desembocou na organización deste acto simbólico de repulsa das violencias machistas e de empoderamento para as mulleres.

Con este acto queríamos apropiarnos de dous espazos que tradicionalmente estiveron vetados para as mulleres e que, aínda a día de hoxe en pleno século XXI, seguen a ser perigosos, demostrando que tanto a noite como a rúa tamén son nosas e en definitiva que temos dereito a vivir en liberdade e sen medo.

Tivemos o pracer de poder contar coa participación activa de pandereteiras das seguintes Asociacións:

Asociación de MM. RR. Santa María de Tamagos, Asociación de MM. RR. Fonte do Sapo da Rasela, Asociación de MM. RR. Patio do Melo de Ábedes, Asociación de MM. RR. San Pedro de Queizás e Asociación de MM. RR. Flor da Xesta de Verín.

Así mesmo, tamén estiveron apoiándonos coa súa presenza a Asociación de MM. RR. O Toural, Asociación de MM. RR. As Candelas, Asociación de MM. RR. 25 de Xullo, Asociación de MM. RR. País do Riós e as participantes do Club de Lectura Violeta de Verín. 

Inicialmente, FEMURO liderou a convocatoria en Galicia chamando ás súas Asociacións de Mulleres Rurais federadas a unirse ao acto central realizado en Verín ou a realizar elas mesmas, nas súas localidades, unha concentración na que alumear a noite coa cor violeta da igualdade.