2015

Este ano decidimos achegarnos a coñecer de preto unha iniciativa da provincia de Pontevedra, Ecocelta.

ECOCELTA é unha empresa galega, que se fundou no ano 2002-2003 por Sergio Quiroga, un xoven enxeñeiro agrónomo que pediu permiso para a fabricación de abonos orgánicos a través da lombricultura.

Esta empresa basase na recollida de residuos 100% orgánicos autorizados, traballando sempre baixo a premisa da xestión sostible.

Ecocelta está autorizada como Planta Técnica pola Consellería do Medio Rural e como Xestora de Residuos Autorizados pola Consellería de Medio Ambiente, para os diferentes restos de orixe sempre orgánico e non perigoso, como algas de mar, restos de poda, lodos de depuradoras rurais, froita e hortalizas e incluso aceite de cociña.

Preto de 100 mulleres pertencentes ás Asociacións de MM.RR federadas desprazáronse ata Ponteareas para coñecer de primeira man o proceso da lombricultura.

As mulleres puideron ver cos seus propios ollos que sen necesidade de utilizar residuos perigosos para o medio ambiente pódense conseguir grandes colleitas, polo que obtemos un dobre beneficio: estamos coidando o noso medio e o noso corpo.

Estivemos acompañadas na visita de Sergio Quiroga e dos/as seus/súas empregados/ as que nos mostraron a empresa e puidemos coñecer as vantaxes e os inconvintes cos que se enfrontou este enxeñeiro agrónomo nos seus inicios e todos os procedementos que se levan a cabo para conseguir un produto final bo e non prexudicial para o ser humano.

Antes  da visita a Ecocelta, desprazámonos ata o Castelo de Villasobroso onde unha guía introduciunos na súa historia e contounos os usos que actualmente se lle daban a ese castelo para que estivese accesible para todo aquel que o quixese visitar.

Tamén puidemos pasear, antes do xantar, polo concello de Mondariz, un lugar fermoso para pasar o día e coñecer os encantos que ten a nosa Galiza.