2019

Arnoia, 19 de Outubro.

Este ano a asociación encargada da organización da conmemoración desta data tan importante para todas nós foi a Asociación de MM.RR. Arnoia na súa localidade coincidindo coa celebración do seu 25 Aniversario.

Para a organización deste evento contou coa colaboración de FEMURO, coa Secretaría Xeral da Igualdade e co Concello de Arnoia. A este evento acudiron preto de 400 mulleres de toda a provincia de Ourense  pertencentes ás diversas asociacións de mulleres rurais integradas en FEMURO.

PARA A CONMEMORACIÓN DO DÍA DA MULLER RURAL XUNTO COS 25 ANOS DA ASOCIACIÓN MM.RR ARNOIA, leváronse a cabo diferentes e novidosas actividades durante toda unha intensa xornada.

A acollida das mulleres participantes tivo lugar ás 10.45 h no Balneario de Arnoia onde puideron desfrutar dun pequeno almorzo e dun paseo polos arredores do Balneario. Posteriormente no mesmo balneario, ás 11:45 h tivo lugar a benvida oficial a cargo da presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Arnoia, María Asunción Fernández Alberte xunto coa presidenta de FEMURO, Mª Isabel Garrido Blanco.

Tamén estiveron presentes neste acto de recepción Dna. Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o alcalde de Arnoia, D. Rodrigo Aparicio Santamaría. 

Seguidamente, ás 12:00 h houbo unha Charla-coloquio sobre a muller rural impartida por Dna. Eva López Barrio de “Woman Emprende” da Universidade de Santiago de Compostela incluído dentro do Obradoiro de iniciativas contra a Violencia de Xénero.

Foi unha xornada moi emotiva, na que se recordaron tantos momentos vividos durante estes 25 anos, facendo unha pequena homenaxe ás presidentas que tan importantes son como o motor para que asociación funcione e se manteña ano tras ano durante tan longo tempo.

Asimesmo, na parte máis lúdica, desfrutamos dunha actuación teatral a cargo do grupo XORÉ Teatro que interpretaron a obra “Pementeiras de Arnoia” a cargo da Secretaría Xeral de Igualdade .

Finalmente para rematar a mañá houbo unha visita á Exposición dos traballos realizados polas mulleres da asociación anfitrioa.

Pola tarde, despois do xantar de confraternidade no Pavillón Municipal de Arnoia, as participantes puideron desfrutar da actuacion musical do grupo de folk galego “A Roda” coa participación da cantante galega Lucía Pérez co espectáculo “A Roda da Igualdade” grazas á Secretaria Xeral da Igualdade.

                Para finalizar unha xornada tan intensa houbo baile coa animación de Dj onde as participante puideron compartir as experiencias vividas durante toda a xornada.

 

Dende FEMURO queremos aproveitar para felicitar a esta Asociación polos seus 20 anos de traballo e loita incansable polas mulleres e polo rural, e que co seu exemplo nos axude a todas a non rendernos e seguir o camiño cara a igualdade.