2017

O CARBALLIÑO, 21 de outubro

A Asociación de Mulleres Rurais Carballinesas Progresistas (adherida a FEMURO) organizou este ano o DÍA DA MULLER RURAL. Tivo lugar o sábado 21 de outubro  na súa localidade (O Carballiño), para o que contou coa colaboración de FEMURO e o Concello do Carbaliño.

O acto de recepción levouse a cabo no Auditorio do Carballiño e a presidenta da asociación anfitrioa, Doris Fernández Fernández, xunto coa directiva, deu a benvida ás preto de 350 mulleres participantes de diferentes asociacións de mulleres rurais de toda a provincia. Así mesmo interviñeron neste acto o Alcalde do Carballiño, D. Francisco José Fumega Piñeiro, as concelleiras dos Departamentos de Benestar, Igualdade e Sanidade e o de Medio Rural do Carballiño, a Secretaria Xeral da Igualdade, Dna. Susana López Abella e en representación da Deputación de Ourense, Dna. Teresa Cerdeira Valiñas, Deputada en Igualdade.

Unha vez rematado o acto de recepción, as mulleres realizaron un percorrido en grupos guiados polas socias de asociación organizadora dende o Auditorio ata a Praza Maior, no que puideron coñecer diferentes lugares de interese do municipio. O final da ruta, na Praza Maior foron recibidas por un grupo de música tradicional galega dentro dos denominados “Cantos de Taberna” que o Concello do Carballiño proporcionou para a ocasión.

Posteriormente houbo un xantar de confraternidade amenizado por un dúo musical onde as participantes puideron desfrutar dun día de intercambio de experiencias e convivencia entre as socias.