2017
Por primeira vez, as tres Entidades Socias máis relevantes da Comarca sumamos esforzos e propuxemos un plan común de sensibilización en prol da igualdade e contra as violencias machistas.
Baixo o lema “Verín Contra as Violencias Machistas. A túa voz importa.” do 20 ó 24 de novembro desenvolvemos diferentes actividades de concienciación e rexeitamento contra as diferentes formas de violencias baseadas no xénero que sofren as mulleres e as nenas. Foron as seguintes:
- Sensibilización en Centros Educativos:
No CEIP Princesa de España e no CPR. María Inmaculada de Verín, levouse a cabo a obra teatral “Alcacia e o Vento”, un mural contra a Violencia de Xénero e Talleres de Concienciación; mentres que no CEIP Amaro Refojo se facía unha xornada de Contacontos da obra “Arturo e Clementina”. Non podemos esquecer que a educación é a mellor menciña contra a Violencia de Xénero.
Para levar a cabo estas actividades contamos coa colaboración do alumnado do curso de “Procesos grupais e educativos no tempo libre infantil e xuvenil” que se levou a cabo en Femuro e co “Obradoiro de Dinamización Socioeducativa” da Mancomunidade de Verín.
- sensibilización na rúa:
Comezou coa colocación de carteis de repudio contra as violencias machistas acompañados de información sobre as actividades nas que podía participar toda a poboación en bares e tendas da comarca de Verín. Esta iniciativa tivo unha gran acollida e plena colaboración por parte dos locais comerciais e de hostalería e contou co apoio e implicación de AEVER Verín.
Como xa ven sendo habitual, de novo o día 23 de novembro, coincidindo coa celebración da feira en Verín, continuou a campaña de sensibilización na rúa mediante o reparto de folletos informativos sensibilizando sobre a problemática da violencia contra as mulleres.
FEMURO e o resto de Entidades Colaboradoras acudimos a radio local onde falamos desta problemática e da importancia da colaboración e cooperación de todos os axentes sociais e da poboación en xeral para facer fronte a esta lacra social.
Outras das propostas foi o lanzamento do hashtag
#VerínContraViolenciasMachistas#aTúaVozImporta
onde as persoas que o desexaran podían compartir nas redes a súa colaboración á causa. Entre outras cousas, chegáronnos poemas, fotografías, debuxos, verbas… pero tamén “privados” con relatos das súas experiencias ou palabras de agradecemento e apoio por levar a cabo esta campaña.
- O xoves 23 ás 00h tivo lugar a proxección do documental Duma, obra da directora Zeibak Haddad no que se aboradaban diferentes formas de violencia sexual contra mulleres e nenas palestinas. Duma foi recoñecido en numerosos festivais de cine social pola defensa dos dereitos humanos.
- Por último, o venres 24, pese a intensa choiva, ás 30 h. comezou diante do Concello de Verín a concentración e realización da performance “En pé contra a Violencia de Xénero” onde se tratou de visibilizar diferentes manifestacións de violencia de xénero así como tamén rendir homenaxe ás mulleres e nenas/os que foron asasinadas en España ó longo deste ano. A esta representación, seguiulle a lectura do manifesto, do que vos queremos extraer un anaquiño:
“ A túa voz importa porque facendo visible este problema arroupamos ás superviventes.
A túa voz importa porque podemos educar ás nenas e ós nenos nunha sociedade igualitaria.
A túa voz importa porque podes posicionarte en contra do machismo e defender os dereitos humanos.
A túa voz importa porque podes tenderlle a man a esa persoa que sufre.
A túa voz importa porque temos que conseguir que as institucións responsables teñan unha resposta inmediata e contundente ante a violencia machista.
A túa voz importa porque a educación é a base dunha sociedade que respecta os dereitos humáns.
A túa voz importa porque a seguinte muller vítima de violencia machista pode ser unha nai, unha amiga, unha filla ou ti mesma.”
- coas asociacións federadas:
A distancia xeográfica entre as nosas asociacións federadas non é de novo un impedimento para poder levar a cabo a conmemoración do Día pola Eliminación da Violencia contra as mulleres. Así, a nosa proposta de realización de algo simbólico da unión das nosas diferentes asociacións en repulsa da Violencia de Xénero, materializouse coa creación dun vídeo común onde se mostraron as imaxes dos actos que as nosas asociacións realizaron con motivo do 25-N e que ese mesmo día se difundiu polas nosas redes.
MOITAS GRAZAS A TODAS AS ASOCIACIÓNS QUE VOS ANIMASTES A PARTICIPAR
Asoc. De MM.RR “Córgomo” de Vila Martín de Valdeorras; Asoc. MM.RR “Fonte do Sapo” da Rasel-Verín; Asoc. MM.RR “San Miguel de Espiñoso” de Cartelle; Asoc. MM.RR “Santa Eulalia de Montes” de Montes-Cualedr;, Asoc. MM.RR “Santa María de Tamagos” de Tamagos-Verín; Asoc. MM.RR “San Salvador da Roza” de Medeiros-Monterrei; Asoc. MM.RR “A Esperanza” da Salgueira-Monterrei; Asoc. MM.RR “Arnoia” de Arnoia; Asoc. MM.RR “25 de Xullo” de Albarellos-Monterrei; Asoc. MM.RR “Veigamuiños” de O Barco de Valdeorras; Asoc. MM.RR. “Tres de Maio” de Laza; Asoc. MM.RR. “Fonte do Ouro” de Sandín-Monterrei; Asoc. MM.RR. “Sarreaus” de Sarreaus.