2016
“VIAXE A NAVARRA”
9, 10, 11 e 12 de Outubro de 2016
A viaxe deste ano realizouse no mes de outubro para visitar distintos lugares de Navarra.
O grupo non foi moi numeroso, pero é de destacar a boa convivencia e alegría que reinou nos catro días da viaxe.
O dia 9 saímos moi cedo das nosas casas. Chegamos a comer a Pancorbo, localidade onde existe un monumento en pedra para a exaltación da figura do pastor, de aí o seu nome: ”Monumento al Pastor”
Seguidamente visitamos a cidade de Estella, situada a metade do camiño entre Pamplona e Logroño. Cidade do Camiño de Santiago que atesoura palacios, casas señoriais, conventos e Pontes. Xa no século XI Aymenic Picaud dixo “ Estela es ciudad de buen pan, excelente vino mucha carne y pescado y toda clase de felicidad”.
O seguinte día visitamos Sanguesa, tamén no Camiño de Santiago. Destacamos desta cidade a Igrexa de Santa María, cume do románico e Monumento Nacional, resultando moi curioso o museo dos reloxos da torre. Ademais, non se pode pasar por Sanguesa e non probar as famosas “pochas” .
En Olite chamounos a atención a silueta esvelta e harmoniosa do seu castelo-palacio. O recorrido polas súas rúas estreitas deunos a coñecer caseróns cos seus escudos de armas, aleróns de madeira, galerías medievais, ademais de descubrir o recinto amurallado romano.
Na visita a Pamplona tivemos ocasión de pasear polas súas murallas, prazas empedradas, descansar en parques e, como non, saborear os seus excelentes pinchos.
Entre as cousas que visitamos destacamos o Parque Yamaguchi, varios monumentos civís e relixiosos, como as igrexas de San Fermín e San Nicolás, a Catedral, o Planetario , ou a casa do concello, desde a cal, na súa balconada dáse o “chupinazo” de San Fermín cada 6 de Xullo.
A última visita da viaxe foi en Puente La Reina, localidade que naceu “por e para” vía compostelá. Nótase unha gran afluencia de peregrinos, conchas e báculos forman parte da paisaxe desta localidade. Camiñamos polas rúas empedradas “ Crucifijo” e “Mayor”, un excelente exercicio que nos permitiu descubrir xoias arquitectónicas como as igrexas do “Crucifijo” “Santiago e San Pedro”.
Con esta visita na marabillosa localidade de Puente La Reina rematamos os catro días de lecer, coa ilusión e compromiso de realizar no ano 2017 outra viaxe que reúna como non, estas características: CONVIVENCIA, COÑECEMENTO E LECER.