XVI Edición
FEMURO levou a cabo a XVI edición do Foro da Igualdade ampliando a súa duración a tres días respecto a edicións anteriores tendo lugar na residencia de Tempo Libre de Panxón (26, 27 e 28 de abril).
Este ano o foro estivo enmarcado dentro Convenio de Colaboración que FEMURO asinou coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Secretaría Xeral da Igualdade) para o desenvolvemento de accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e apoio ás súas vítimas.
Participaron un total de 119 mulleres socias das diferentes federadas.
O FORO DA IGUALDADE ten como obxectivo fundamental visibilizar e reforzar o traballo que veñen realizando as entidades a favor da igualdade e en contra da violencia de xénero así como impulsar iniciativas que favorezan a igualdade real entre mulleres e homes.
Este ano o Foro levouse a cabo baixo a temática: “Re-Coñecendo Violencias Machistas no Rural”.
Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense.
Creouse un espazo de convivencia no que durante tres días as mulleres das diferentes asociacións foron partícipes dunha aprendizaxe sobre a prevención e recoñecemento de actitudes e condutas machistas mesturado con actividades de lecer.
O Foro deu comezo o venres 26 de abril coa chegada das mulleres pola tarde á residencia de Panxón e seguida inauguración e benvida a cargo de Dna. Susana López Abella, Secretaria Xeral da Igualdade e Dna. Mª Isabel Garrido Blanco, presidenta de FEMURO.
A xornada do venres rematou con variadas dinámicas nocturnas de distensión.
O sábado 27 de abril tivo lugar o eixo central do foro levándose a cabo diferentes e novidosas actividades. Tanto pola mañá como pola tarde tiveron lugar diversos obradoiros nos que as mulleres puideron elixir no que participar:
-Obradoiro de Danza libre e expresión corporal, a cargo de Iria Cacheiro Paradelo. Educadora social, especializada en emocións e danza
– Obradoiro de Autodefensa a cargo de Rebeca Porcar, profesora de artes marciais.
– Obradoiro Xogando a Re-coñecernos impartido por Rebeca André, Psicóloga.
Ademais dos obradoiros tivo lugar unha Charla común para todas as participantes: “Violencia de xénero no ámbito sanitario” impartida por Lola Ferreiro Díaz, profesional médica.
A xornada do sábado rematou tamén con diversas dinámicas nocturnas de distensión e de intercambio de experiencias entre as mulleres participantes.
O Foro ademais de formación conxuga diferentes actividades recreativas, culturais e de coñecemento do patrimonio material e inmaterial galego, por este motivo o domingo 28 de abril nos desprazamos a coñecer Valença do Miño a través dunha visita guiada onde as participantes puideron desfrutar dunha xornada de ocio e intercambio de experiencias.