2017

LAIAS, 4 e 5 novembro 2017

FEMURO organizou un ano máis as Xornadas de Desenvolvemento Rural   que teñen como obxectivo dar a coñecer diferentes iniciativas empresariais levadas a cabo no medio rural, lideradas fundamentalmente por mulleres emprendedoras. Unhas xornadas que pretenden revalorizar o rural e amosar iniciativas que ven o mesmo como un medio de vida e que loitan para que este se manteña vivo e produtivo. Ademais de fomentar a participación das familias no desenvolvemento rural e a inclusión das mulleres do rural na sociedade.

Durante unha fin de semana, o Balneario de Laias (Cenlle) acolleu a máis de 150 mulleres integrantes das diferentes asociacións de mulleres adheridas a FEMURO de toda a provincia de Ourense.  Unhas xornadas que mesturan formación e aprendizaxe con espazos de distensión, desfrute do balneario e intercambio de experiencias entre as participantes.

As xornadas deron comezo o sábado 4 de novembro coa chegada das mulleres ao Balneario de Laias e as primeiras actividades de interrelación programadas. Durante a tarde do sábado as participantes puideron coñecer os recursos do balneario e desfrutar dos mesmos, así como do seu entorno.  

O eixo central das xornadas tivo lugar o domingo 5 de novembro, co acto oficial de inauguración ás 11:00 h a cargo da  Directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Dna. Amparo González Méndez, acompañada da Xefa Territorial de Política Social, Dna. Mª José Fernández Lasoo Alcalde de Cenlle, D. Gabriel Alén Castro e a Presidenta de FEMURO, Dna. Mª Isabel Garrido Blanco.

A continuación, tivo lugar unha mesa de experiencias denominada: “Emprendendo no rural” onde se presentaron dúas iniciativas.

Analía Moares Lameiro, técnica da asociación ecoloxista “Amigos da Terra” explicounos o traballo que esta entidade leva a cabo e as diferentes áreas de actuación que desenvolve cara o coidado, defensa e conservación do medio ambiente.

Por outra banda tivemos a experiencia dunha muller emprendedora, Silvia Pascual, que puxo en marcha a empresa Gastroterra, innovadora na recuperación da gandería do porco celta, situada en Castro Caldelas.  

A súa paixón polo rural e por recuperar esta especie fixo posible chegar ata onde está hoxe, unha empresa con éxito e en continua expansión.

Ao remate da mesma, abriuse un espazo de debate onde as mulleres participantes puideron plantexar diferentes cuestións.

Para clausurar as Xornadas, contamos coa presenza da Secretaria Xeral da Igualdade, Dna. Susana López Abella e en representación da Deputación de Ourense, con Dna. Teresa Cerdeira Valiñas, deputada en Igualdade,  acompañadas por Dna. Mª Isabel Garrido Blanco, Presidenta de FEMURO,  que rematou sinalando o éxito e satisfacción acadados coa xornada na que se perseguía “visibilizar o papel da muller  e incentivar o seu espíritu participativo e emprendedor”.