2019

 

Do mesmo xeito que en 2018, este ano continuamos “O MUNDO EN VIOLETA”, un programa financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas, cuxo obxectivo é a promoción da igualdade entre mulleres e homes e a prevención contra a violencia de xénero. Con este proxecto implicamos a diferentes colectivos de Ourense, facendo especial fincapé nos centros escolares e nas mulleres rurais.

Os contidos incluidos dentro de “O mundo en violeta” son os seguintes:

CLUB DE LECTURA VIOLETA:

Seguindo a boa acollida que esta actividade tivo o ano anterior, este espazo afianzouse durante o 2019 demostrando ser unha actividade cun gran éxito de participación á que mes tras mes se van sumando máis mulleres participantes e incluso unha nova localidade: Arnoia.

Como xa sabedes, recibe o nome de VIOLETA en alusión á cor da igualdade e porque con él quixemos que a perspectiva de xénero estivera plenamente vixente á hora de escoller as lecturas e a análise das mesmas, á vez que pretendemos que se converta nun espazo que simbolice a “habitación propia” das mulleres do rural ourensán e sexa un lugar de encontro onde ademais de intercambiar opinións e reflexións sobre as obras lidas tamén sirva para autorizar e autorizarnos sempre nun clima agradable e distendido onde prime a sororidade.

Todos os meses, entre libros, charlas e ás veces café, as mulleres participantes imos afianzando vínculos e lazos violetas a través da lectura.

Por outra banda, a través das nosas redes sociais ou mesmo nos grupos de whatsapp, tamén fomos visibilizando días importantes dentro do eido da lectura como por exemplo o Día do Libro ou o Día das Escritoras ou recordando a escritoras ou obras feministas destadas no seu aniversario.

 

VOLUNTARIADO VIOLETA: 

Este voluntariado xurde da idea de que a violencia machista en idades adolescentes é cada vez maior (cando debería ser ao contrario) e que a mocidade ten o poder de cambiar as cousas a corto prazo.

Con mozas empoderadas e mozos aplicando o respecto e as novas masculinidades, podemos construír unha sociedade sen violencia machista.

Con dito obxectivo formamos a 9 mozas e  1 mozo de 5º e 6º de primaria en igualdade de oportunidades e habilidades educativas para que elas e eles mesmos foran axentes de igualdade no seu centro educativo, realizando actividades de sensibilización e prevención da violencia  con nenos e nenas de menor idade  (Educación Infantil).

Durante este período, acadaron a completar a formación e a contar nunha sesión contos coeducativos a nenos e nenas dende infantil ata 2º de primaria do seu propio centro.

 

RECREOS DE CONTO, AS MULLERES CONTAN:

Con esta actividade quixemos visibilizar a mulleres relevantes na historia, en xeral bastante descoñecidas polos nenos e nenas, con vidas moi interesantes, transformando a historia real nun relato en forma de conto, para facelo atractivo para o público infantil.

Visibilizando o traballo realizado polas mulleres ao longo da historia rompemos estereotipos, fomentamos a igualdade, empoderamos ás nenas e transformamos a sociedade cara un futuro máis xusto, igualitario e menos violento.  

Así, varias veces ao mes durante o recreo, no CEIP Amaro Refojo (centro educativo de Verín co que colaboramos frecuentemente), nenos e nenas dende Infantil ata 6º de Educación Primaria puideron asistir de xeito voluntario a contacontos realizados na hora do recreo.

Os contacontos estaban orientados a cursos determinados, de tal xeito que un día podían asistir os de infantil, outro día os de 1º, os de 2º… etc, para así poder adaptar a historia adecuadamente ás idades do alumnado asistente.

As mulleres traballadas foron:

  • Isabel Zendal. Primeira enfermeira da historia en misión internacional. Participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina da Varíola.
  • Mª Luz Morales. Periodista pioneira do periodismo cultural e escritora do século XX. Primeria muller directora dun periódico nacional.
  • Ella Fitzgerald. Cantante estadounidense máis importante da historia do Jazz.
  • Marie Curie. Científica. Única persoa en recibir dous premios Nobel en distintas disciplinas.
  • Yusrda Mardini. Nadadora siria que formou parte do Equipo de Atletas Refuxiados nos xogos olímpicos.
  • Concepción Arenal. Escritora, periodista e activista pioneira dos movementos feministas pola igualdade de xénero ao longo do século XIX.
  • Patricia Bath. Oftalmóloga, inventora, humanista e académica.

 

ACTIVIDADES POLO 8M:

Durante a semana do 8 de marzo e a seguinte, en conmemoración do día Internacional da Muller, traballamos  co alumnado de Educación Infantil,  Educación Primaria e Educación Secundaria nos seguintes centros educativos:

  • CEIP Amaro Refojo de Verín:

Participaron todas as clases de Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria. No caso de Educación Infantil contamos o conto “A Cor da Igualdade” e despois fixemos un mural colaborativo do conto.

Ademáis da actividade anterior, co alumnado de Infantil realizamos na Praza García Barbón de Verín unha performance o propio día 8 de marzo para o público en xeral coa que se pretendía visibilizar as diferenzas que aínda hoxe están presentes na educación de nenos e nenas.  Dita performance consistiu en apilar unhas caixas negras que contiñan frases habituais que fomentan a desigualdade (os nenos non choran, o rosa é de nenas…) rematando a actividade dándolle patadas e tirando estas caixas ao chán, formando a continuación unha pila de caixas violetas con frases igualitarias (todos e todas choramos, as cores non son de ninguén…).

No caso do alumnado de Primaria fixemos 2 contacontos sobre vidas de mulleres: Irena Sendler (enfermeira durante a 2ª guerra mundial que salvou de morrer a miles de nenos e nenas que ían a campos de concentración) e Junko Tabei (primeira muller en escalar o Everest). Despois fixeron unha actividade con información da muller que máis lles gustou.

  • CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia:

Participaron todas as clases de 1º a 6º de primara e traballouse de novo mediante contacontos a Irena Sendler e Junko Tabei.

  • CEIP Ribadavia:

Como no caso anterior, a participación foi de todos os cursos de primaria. Ademáis da explicación sobre o por qué do 8 de marzo, presentamos a exposición de FEMURO “Mulleres con historia” (ver apartado Mulleres con historia) e realizamos contacontos que narraban a vida de tres mulleres que estaban presentes na exposición: Malala (premio Nobel da Paz e persoa máis nova en conseguilo) , Jane Goodall (científica especializada nos primates)  e Frida Kalho (pintora mexicana).

  • IES Taboada Chivite de Verín:

Na mesma línea de Ribadavia, presentamos a exposición “Mulleres con historia” e explicamos as vidas de Emma Watson, Malala e Ann Makosinski. Escollemos estas tres porque son, de todas as mulleres da exposición, as que máis se aproximan en idade ao público adolescente.

 

 

II FEIRA VIOLETA:

Co obxectivo de visibilizar e poñer en valor as aportacións das mulleres ao longo da historia, que de xeito sistemático son minimizadas, omitidas, suprimidas ou desvalorizadas, este ano adicamos a Feira Violeta ás mulleres nas artes gráficas: pintoras, escultoras, fotógrafas, ilustradoras…

Para acadar o anterior, a clase ou clases participantes tiveron que crear un stand onde se visibiliza a muller escollida e as súas contribucións no eido das artes gráficas. Ademais, tamén era moi importante que a composición do stand e a súa posterior presentación tivese perspectiva de xénero, polo que unha parte importante desta actividade foi a sensibilización e formación do profesorado participante, que recibiu por parte de Femuro unhas horas de formación en Igualdade e perspectiva de xénero, para así desenvolver o traballo en torno á muller de xeito adecuado.

Nesta ocasión, participaron os centros educativos CEIP Amaro Refojo de Verín en colaboración co equipo de Apoio á  biblioteca, o CEIP Plurilingüe de Ribadavia e o Colexio Apostólico Mercedario de Verín.

Sen dúbida algunha, supuxo un éxito absoluto, non só pola cantidade de alumnado participante, senón tamén polos coñecementos adquiridos e a creación de novos referentes femininos. Tanto o alumnado como o profesorado quedou moi sorprendido pola cantidade de aportacións que fixeron as  mulleres e que sistemáticamente só lle atribuímos aos homes.

 

O MES DO RESPECTO E A TOLERANCIA:

Este proxecto realizouse ao longo do mes de Xaneiro en 3 centros educativos:

  • CEIP Amaro Refojo (Ed. Infantil e Primaria), no que se traballaron os conceptos de dereitos humanos, diversidade familiar, bullying e homofobia a través de diferentes contos. 

 

  • CEIP Carlos Casares (Ed. Infantil), no que puxemos o foco de atención na igualdade e no respecto á diversidade. 

  • Colexio Apostólico Mercedarios (Educación Secundaria), no que reflexionamos cos mozos (é un colexio masculino) temas como o bullying, a homofobia, a prostitución e a pornografía.

 

CAMPAÑA VÍDEOS 8M:

Con motivo da celebración do Día da Muller, quixemos reivindicar o noso lugar na sociedade mediante a realización dunha serie de vídeos musicais coas nosas asociacións, os cursos que tiñamos activos nese momento e os centros educativos cos que colaboramos ao longo do curso (CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia e CEIP Amaro Refojo de Verín).

Podedes ver todos os vídeos na nosa canle de Youtube (Femuro Verín Ourense). Podedes chegar a el inserindo “femuro” na barra de procura do YouTube.

 

VISUALIZACIÓN NAS REDES A PROL DA IGUALDADE:

Un ano máis valémonos das nosas redes sociais (Facebook e Instagram) para recuperar  e visibilizar mulleres que foron pioneiras ou destacaron nalgún campo ou faceta.

Pretendemos así dar a coñecer referentes femininas que normalmente a Historia “oficial” e canónica, tan marcada polo patriarcado, oculta e nos impide coñecer e recoñecer.

Entre outras, fomos honrando ao longo deste ano, a Ana Orantes, Rosa Parks, Clara Campoamor, as mulleres destacadas que permitiron a chegada do home a lúa, María Zambrano, etc.

Mostrar a súa contribución e recoñecer o seu talento, valor e esforzo, así como a participación das mulleres en distintos feitos históricos, axúdanos a todas a transformar a nosa visión do mundo e da Historia, contribuindo ao noso empoderamento.

Así mesmo, tamén visibilizamos  feitos importantes para as mulleres (o aniversario do día que votaron por primeira vez as mulleres españolas…) ou días sinalados e que nos afectan directamente (Día da Muller Rural, Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres, Nenos e Nenas, Día contra o Cancro de Mama, Día dos Dereitos Humanos…).

Este ano tamén tentamos aclarar algúns conceptos que, aínda a día de hoxe, e froito das moitas manobras neomachistas que circulan polas redes, pensamos que deben ser puntualizados e esclarecidos.  

Mantemos, deste xeito, o noso compromiso de empregar as nosas redes sociais para informar pero tamén, como unha ferramenta que nos permita crear lazos violetas que nos unan, nos fagan visibles, nos empoderen e tamén conciencien.