2018

 

                Durante este ano FEMURO levou a cabo o Proxecto “ O MUNDO EN  VIOLETA” subvencionado pola Deputación Provincial de Ourense, que  recolle actividades culturais e recreativas todas elas realizadas dende a perspectiva de xénero e coas que pretendemos implicar a diferentes colectivos da nosa provincia, facendo fincapé fundamentalmente nos centros escolares e nas mulleres rurais. 

  • CLUB DE LECTURA VIOLETA

                Este ano decidimos recuperar a actividade do Club de Lectura. Era unha actividade que levaba  xa anos parada e decidimos retomala pero dándolle outra volta e incluíndo a perspectiva de xénero na selección das obras, das/os autores/as escollidas ou no momento de analizalas e comentalas. Debido a isto e tamén a que se inclúe dentro do proxecto do Mundo en Violeta, este foi o nome que recibiu: CLUB VIOLETA, en alusión á cor da igualdade.

 

Este novo Club de Lectura VIOLETA botou a andar no mes de marzo nas localidades de Verín e de Ribadavia e ao longo destes meses, as mulleres participantes fomos compartindo libros, charlas e cafés nun espazo que pretendeu combinar a lectura e o encontro, pois queríamos que non fose un club de lectura ao uso. Así que, como novidades, ademais de incorporar a perspectiva de xénero en canto ás obras e tratamento das mesmas, tamén quixemos que esta tamén estivese presente a través da metodoloxía e do espazo cada vez que nos xuntabamos. En cada reunión pretendemos conseguir crear un ambiente agradable e de proximidade para as mulleres no que ademais de intercambiar opinións e reflexións sobre as obras, tamén se respirase a sororidade, nun espazo que quixemos que se caracterizara pola circularidade e no que  a metodoloxía horizontal, incluinte e integradora estivese patente.

En canto ás obras tratadas, estas foron variadas en canto á temática e procedencia das/os autoras/es, pero sempre aproximándonos á literatura das marxes e intentando visibilizar aspectos que non adoitan aparecer na literatura canónica. Así, durante os primeiro meses acercámonos á literatura de ficción distópica de Margaret Atwood con O conto da criada; pero tamén á obra da escritora nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie, Algo alrededor de tu cuello, onde quedan manifestas temáticas como a inmigración, o sexismo ou a problemática racial dunha África pouco recoñecida no noso imaxinario; o mesmo que ese Afganistán anterior á ocupación talibá retratado na obra de Mil soles espléndidos de Hosseini Khaled.

               

Por outra banda, a través das nosas redes sociais ou mesmo os grupos de whatsapp tamén fomos visibilizando días importantes dentro do eido da lectura como por exemplo o Día do Libro ou o Día das Escritoras

Tras o verán, en setembro comezamos unha nova andadura na busca dese descubrir e compartir a través das obras de ficción. Unímonos á Biblioteca de Galicia e imos pouco a pouco escollendo libros do seu catálogo para continuar a reunirnos unha vez ao mes para pasar un rato entre libros e charlas, afianzando vínculos e lazos violetas a través da lectura.

 

  • voluntariado violeta

                O Voluntariado Violeta é unha actividade que pretende crear redes de Igualdade dende a mocidade, previndo condutas machistas, empoderando ás mulleres e facendo partícipes a mozas e  mozos desta loita de xeito activo, implicándoas/os na sensibilización da poboación e facéndoas/os reflexionar e loitar para acadar a igualdade real.

 

                Este ano formamos a un grupo de mozas, de entre 13 e 18 anos, das que remataron toda a formación 4. Os temas tratados xiraron entorno á igualdade, á reflexión sobre as desigualdades “invisibles” e sobre como traballar este temas coa poboación infantil.

                Deste xeito elas mesmas puideron levar a cabo actividades coeducativas, e tamén coa poboación adulta a través de campañas específicas. Este voluntariado actuou e actuará tamén como equipo para todas aquelas actividades de Igualdade que se fagan en FEMURO.

 

  • GUÍAS DE LECTURA COEDUCATIVAS

                Elaboráronse 2 guías de lectura con perspectiva de xénero: unha para público adulto e outra para público infantil. Estas guías consisten nunha recompilación de títulos recomendados que sexan respectuosos e igualitarios, e cos que se poidan traballar estes valores. Ditas guías están a disposición de quen as desexe, tanto en formato impreso como en PDF. Foron repartidas en colexios, librerías, bibliotecas, particulares….

 

Podedes solicitar as guías en versión PDF no mail: femuro.ourense@gmail.com

 

  • ACTIVIDADES NOS CENTROS EDUCATIVOS

Enmarcadas dentro desde proxecto realizáronse unha serie de actividades no CEIP Amaro Refojo encamiñadas a promover a coeducación e a educación de valores a través de actividades culturais dende igualdade de oportunidades.

-Recreos de conto: Unha vez ao mes, durante o tempo de recreo, realizamos unha actividade de contacontos con valores positivos, igualitarios e non violentos, que conten historias de mulleres reais, valentes e empoderadas, complementados cunha posterior actividade manual e reflexiva acerca dos valores tratados, promovendo a igualdade de xeito lúdico e resaltando os modelos culturais femininos.

Nesta actividade participaron aproximadamente 300 nenos e nenas de primaria con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos.

                As mulleres protagonistas dos contacontos foron Amelia Earhart (aviadora), Hildegart Von Bingen (científica, escritora e compositora), Mary Shelley (escritora), Valentina Tereshkova (astronauta), Mary Read (pirata) e Wangari (bióloga).

-Día das Letras Galegas: Aproveitando que o Día das Letras Galegas estaba este ano adicado a unha muller, María Victoria Moreno, fixemos unha serie de actividades culturais e recreativas no C.E.I.P. Carlos Casares (Xinzo de Limia) en colaboración coa ANPA CEIP Carlos Casares e no C.E.I.P. Amaro Refojo (Verín) nas que participaron nenas e nenos de infantil e primaria.

Utilizando a súa obra máis salientable, “Mar adiante”, como fío condutor, plantexouse un xogo de pistas, investigación e superación de probas e as obras, onde as nenas e nenos tiñan que demostrar o que sabían sobre a autora e sobre as súas obras principais: “O cataventos”, “Eu conto, ti cantas”, “A brétema”, “Leonardo e os fontaneiros” e “Un cachiño de bica? ”.

 

 

-Día do libro: Para conmemorar ó día do libro (23 de Abril), FEMURO representou unha versión propia e alternativa de “Don Quijote de la Mancha” chamada “As mulleres no Quixote contan”, reivindicando non só o papel feminino nesta obra, senón tamén aquel que se lle ven dando á muller na literatura universal como unha persoa sumisa, dependente, sensible e que antepón todo ao amor.

Esta actividade realizouse no CEIP Amaro Refojo de Verín con, aproximadamente, 300 nenas e nenos de primaria, con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos.

 

 

  • visibilización nas redes

 A miúdo as mulleres fomos ocultadas da historia “oficial” polo que este ano, dende FEMURO, propuxémonos empezar a levar a cabo a nosa pequena labor de recuperación a través de diversos accións, e entre elas, non podían faltar a incursión nas redes sociais (Tan de moda e tan usadas hoxe en día.) Así que, a través do noso Facebook, propuxémonos visibilizar tanto a mulleres que destacaron  nalgún campo ou faceta como tamén aqueles días e feitos que foron (e son) importantes para as mulleres. 

Ao longo deste ano propuxémonos rescatar o protagonismo das mulleres no pasado e visibilizar a súa contribución e con elo transformar a nosa visión do mundo e da historia pois as mulleres tamén contribuíron ao desenrolo de distintos saberes e tamén marcaron importantes fitos e nós temos dereito a coñecelas.

 A través da nosa visibilización o que quixemos foi por unha banda, destacar e recoñecer o  talento, valor e esforzo de mulleres únicas e relevantes, pero tamén celebrar determinados logros sociais acadados polas mulleres ou recoñecidos para estas.

Celebración do Dereito ao Voto por primeira vez para as mulleres en España.

 Dende FEMURO consideramos importante tanto a celebración destes logros como que as mulleres vexamos referentes femininos en todos os eidos, dunha, para que a historia non quede sesgada, pero tamén, para que nos valga como empoderamento.

 Difundir o traballo destas mulleres ou ter presentes os logros sociais acadados fanos recapacitar no feito de que nós tamén estamos na historia, tamén fixemos cousas importantes e tamén que os dereitos que hoxe temos non nos foron regalados: tivemos que loitar por eles.

 

 Así mesmo,  sumámonos tamén a reivindicacións nacionais e internacionais actuais, pois é co día a día como se fai e se vive a Historia. Este ano estamos seguras de que se recordará pola loita contra a sentenza da Manada, ao panoletazo internacional convocado polas mulleres arxentinas na súa loita polo dereito ao aborto ou o Metoo, por exemplo.

 

Doutra banda, tamén quixemos destacar outros días que tamén consideramos importantes e que nos afectan directamente como o Día Mundial das Mulleres Rurais, Día Mundial da Loita contra o Cancro de Mama, ou o Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres, Nenos e Nenas, etc.

 

As redes sociais poden servir tanto para que esteamos informadas como tamén para crear lazos violetas que nos unan, nos fagan visibles, nos empoderen e tamén conciencien.