2016

FEMURO organizou un ano máis as Xornadas de Desenvolvemento Rural e como novidade decidiuse  cambiar o emprazamento que tradicionalmente se levaba a cabo no Balneario de Laias para celebrar as mesmas no Balneario de Arnoia e ofrecer así ás mulleres participantes a oportunidade de coñecer outros lugares da provincia de Ourense.

Acudiron a estas xornadas 150 mulleres pertencentes ás diferentes asociacións de MM.RR adheridas a Femuro de toda a xeografía ourensá nas que durante unha fin de semana puideron compartir diferentes experiencias e desfrutar dos recursos do Balneario nun entorno de relax e convivencia.

FEMURO, a través das mesmas, pretende revalorizar o rural e o papel da muller como motor do desenvolvemento rural, un espazo que durante moito tempo estivo desvalorizado e que aínda hoxe en día loita por ser unha opción, no cal  comezan a xurdir alternativas. As xornadas poñen de manifesto estas novas iniciativas de emprego no rural e a través das mesmas as asociacións de mulleres integradas en Femuro teñen a oportunidade de coñecer de primeira man estas experiencias.

As xornadas deron comezo o sábado 19 coa chegada das mulleres ao Balneario de Arnoia. Durante a tarde do sábado as mulleres participantes puideron coñecer os recursos do balneario e desfrutar dos mesmos, así como do seu entorno.  Así mesmo foi unha xornada onde as mulleres das diferentes asociacións tiveron a oportunidade de coñecerse e compartir experiencias e anécdotas, dentro dun entorno lúdico e de distensión.

O domingo pola mañá tivo lugar  o eixe central das xornadas, as cales foron  inauguradas polo Xefe Territorial da Consellería de Política Social en Ourense, D. José Selas Souto, acompañado por D. Rodrigo Aparicio Santamaria, Alcalde do Concello de Arnoia. A mesa estivo presentada por Dna. Mª Isabel Garrido Blanco, Presidenta de FEMURO.  

A continuación, tivo lugar unha mesa de experiencias denominada: “O aproveitamento do produto local como vía para o emprendemento” que tratou o sector vitivinícola e na cal expuxéronse dúas experiencias diferentes dentro deste sector dentro da provincia de Ourense.  Por unha parte, amosouse unha iniciativa empresarial levada a cabo por Dna. Ana Belén Mellado Franco, que puxo en marcha a empresa “Alicornio”, dedicada á elaboración de licores ecolóxicos e cunha produción limitada, situada no Concello de Sarreaus. A segunda experiencia presentada na mesa foi levada a cabo da man de Dna. Cristina Alcalá, actual xerente do Consello Regulador da DO Ribeiro, que reflexou as dificultades como muller de facerse un oco un mundo de homes como é o do sector vitivinícola.

Para clausurar as Xornadas, contamos con D. Manuel Pardo Cid, Xefe Territorial da Vicepresidencia e Consellería de  Presidencia Administracións Públicas e Xustiza en  Ourense e Dna. Teresa Cerdeira Valiñas, Deputada de Igualdade da Deputación de Ourense e acompañou a mesa e  Dna. Mª Isabel Garrido Blanco, Presidenta de FEMURO.