XIII Edición

 

     O XIII Foro da Igualdade que Femuro organizou este ano en Vigo, é un acto co que cada ano contamos coa participación e apoio das socias da federación, favorecendo así un punto de encontro entre as mulleres.  Desta forma damos a coñecer o traballo que realizan as entidades en prol da igualdade fomentando a igualdade real entre mulleres e homes.

Durante os días 23 e 24 de Abril preto de 100 mulleres reuníronse en Vigo para asistir a unhas xornadas moi enriquecedoras e con motivación para poder facernos máis visibles na sociedade e defender os nosos dereitos.

O Foro deu comezo o sábado 23 de Abril coa inauguración a cargo de, Dna. Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade, acompañada da  presidenta de FEMURO, Dna. Mª Isabel Garrido Blanco.

A continuación tivemos a ponencia “Micromachismos, prexuízos e estereotipos de xénero arredor das mulleres rurais” moderado e dirixido por D. Ángel Amaro, coeducador e especialista en igualdade de xénero. O obxecto desta ponencia foi analizar o mundo do rural onde as mulleres puideran darse conta dos micromachismos e dos prexuízos que están asociados  aos que están sometidas a cotío na súa vida.

Neste Foro ademais de tratarse dun espazo de reflexión tamén ten cabida o intercambio de experiencias e un tempo de ocio dirixidas ás mulleres, por iso a tarde do sábado, realizamos unha visita ao Monte de Santa Trega e a Baiona. E o domingo pola mañá, realizouse unha visita a Vigo, o Mirador do Castro e a Praia de Samil.

Nesta fin de semana as mulleres puideron observar estas marabillas que nos ofrece a nosa Galiza, e rematar a fin de semana con moi bo recordo destes lugares con tanto encanto.