Orientación laboral

Dende hai 12 anos, FEMURO conta cun programa de orientación e información socio-laboral dirixido a toda a poboación en xeral, que necesite información e asesoramento tanto formativo como apoio no proceso de busca de emprego. Aínda que é un servizo aberto a calquera persoa que o precise, as usuarias do mesmo son maioritariamente mulleres, en risco de exclusión social, con cargas familiares ou que buscan o seu primeiro emprego.
O punto de atención do programa atópase en Verín, por ser nesta localidade onde FEMURO dispón da súa sede social.

Os servizos prestados a través deste programa son os seguintes:

EN MATERIA DE EMPREGO:

• Atención personalizada e individualizada no proceso de busca de emprego, a través da elaboración dun itinerario personalizado de inserción.
• Elaboración do currículo, carta de presentación, envío por correo electrónico, fax,..
• Información sobre técnicas e recursos para atopar emprego.
• Asesoramento para enfrontarse a unha entrevista de traballo.
• Información sobre ofertas de emprego e inclusión nas mesmas.
• Bolsa propia de FEMURO, na que as persoas demandantes de emprego poden inscribirse a fin de que o empresariado do territorio solicite profesionais para dar cobertura a diferentes postos de traballo.
Co fin de prestar un servizo de calidade e práctico no proceso de busca de emprego, FEMURO dispón dun aula tecnolóxica con diferentes recursos técnicos (ordenador, fax, teléfono, escaner, fotocopiadora, internet,..) para que as persoas que o desexen a poidan utilizar.

EN MATERIA FORMATIVA:

• Información sobre a oferta formativa
• Información sobre actividades e recursos sociocomunitarios
• Información sobre convocatorias públicas
• Orientación e asesoramento sobre o novo sistema educativo
• Asesoramento sobre a obtención de diferentes titulacións (ESO, competencias clave, Bacharelato, Universidade,…)
• Información e asesoramento para a obtención dos novos certificados de profesionalidade.

A tales efectos, FEMURO, ten a disposición do público en xeral, un taboleiro na súa sede social con toda a información actualizada diaria, tanto laboral como formativa de interese.