25N – 2017

Por primeira vez, as tres Entidades Socias máis relevantes da Comarca sumamos esforzos e propuxemos un plan común de sensibilización en prol da igualdade e contra as violencias machistas.

 

            Baixo o lema “Verín Contra as Violencias Machistas. A túa voz importa.” do 20 ó 24 de novembro desenvolvemos diferentes actividades de concienciación e rexeitamento contra as diferentes formas de violencias baseadas no xénero que sofren as mulleres e as nenas. Foron as seguintes:

 

  • Sensibilización en Centros Educativos:

No CEIP Princesa de España e no CPR. María Inmaculada de Verín, levouse a cabo a obra teatral “Alcacia e o Vento, un mural contra a Violencia de Xénero e Talleres de Concienciación; mentres que no CEIP Amaro Refojo se facía unha xornada de Contacontos da obra “Arturo e Clementina”. Non podemos esquecer que a educación é a mellor menciña contra a Violencia de Xénero.

    Para levar a cabo estas actividades contamos coa colaboración do alumnado do curso de “Procesos grupais e educativos no tempo libre infantil e xuvenil” que se levou a cabo en Femuro e co “Obradoiro de Dinamización Socioeducativa” da Mancomunidade de Verín.

 

  • sensibilización na rúa:

    Comezou coa colocación de carteis de repudio contra as violencias machistas acompañados de información sobre as actividades nas que podía participar toda a poboación en bares e tendas da comarca de Verín. Esta iniciativa tivo unha gran acollida e plena colaboración por parte dos locais comerciais e de hostalería e contou co apoio e implicación de AEVER Verín.

 

Como xa ven sendo habitual, de novo o día 23 de novembro, coincidindo coa celebración da feira en Verín, continuou a campaña de sensibilización na rúa mediante o reparto de  folletos informativos sensibilizando sobre a problemática da violencia contra as mulleres.

FEMURO e o resto de Entidades Colaboradoras acudimos a radio local onde falamos desta problemática e da importancia da colaboración e cooperación de todos os axentes sociais e da poboación en xeral para facer fronte a esta lacra social.

          Outras das propostas foi o lanzamento do hashtag

#VerínContraViolenciasMachistas#aTúaVozImporta

onde as persoas que o desexaran podían compartir nas redes a súa colaboración á causa. Entre outras cousas, chegáronnos poemas, fotografías, debuxos, verbas… pero tamén “privados” con  relatos das súas experiencias ou palabras de agradecemento e apoio por levar a cabo esta campaña.

 

 

 

  • O xoves 23 ás 00h tivo lugar a proxección do documental Duma, obra da directora Zeibak Haddad no que se aboradaban diferentes formas de violencia sexual contra mulleres e nenas palestinas. Duma foi recoñecido en numerosos festivais de cine social pola defensa dos dereitos humanos.

 

  • Por último, o venres 24, pese a intensa choiva, ás 30 h. comezou diante do Concello de Verín a concentración e realización da performance “En pé contra a Violencia de Xénero”  onde se tratou de visibilizar diferentes manifestacións de violencia de xénero así como tamén rendir homenaxe ás mulleres e nenas/os que foron asasinadas en España ó longo deste ano. A esta representación, seguiulle a lectura do manifesto, do que vos queremos extraer un anaquiño:

“ A túa voz importa porque facendo visible este problema arroupamos ás superviventes.

A túa voz importa porque podemos educar ás nenas e ós nenos nunha sociedade igualitaria.

A túa voz importa porque podes posicionarte en contra do machismo e defender os dereitos humanos.

A túa voz importa porque podes tenderlle a man a esa persoa que sufre.

A túa voz importa porque temos que conseguir que as institucións responsables teñan unha resposta inmediata e contundente ante a violencia machista.

A túa voz importa porque a educación é a base dunha sociedade que respecta os dereitos humáns.

A túa voz importa porque a seguinte muller vítima de violencia machista pode ser unha nai, unha amiga, unha filla ou ti mesma.”